RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Nós xogámonos moito, pero eles xóganse moitísimo tamén" advirte Natxo González

Natxo González non se fía da situación clasificatoria do Nàstic de Tarragona, rival do Dépor mañá sábado 16 de febreiro en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV).

Así o deixou claro na rolda de prensa previa ao partido: "Somos maiorciños para saber, e a experiencia que temos, que é un equipo máis da categoría. Máximo respecto como se ten a todos e saber que imos ter moita dificultade. Nós xogámonos moito, pero eles xóganse moitísimo tamén".

Advirte o adestrador deportivista que o conxunto catalán "nos dous últimos anos fixo verdadeiros milagres para manter a categoría. Sabemos que se non estamos ao noso mellor nivel, non gañaremos o partido".

Nesta liña, insiste en que "non distingo mellores, peores... todos son moi respectables pola categoría na que están. Se non facemos as cousas ben non imos gañar o partido. Somos conscientes diso. Temos que saír ao campo moi, moi concentrados e que non nos pase o que nos pasou o día do CD Tenerife".

Do conxunto que prepara Enrique Martín, comenta que "é moi novo. É difícil de sacar excesivas conclusións. Aínda encima a semana pasada non competiu. Podes guiarte polo partido do Rayo Majadahonda e da UD Las Palmas principalmente".

Vaticina un partido "de moitos duelos individuais, de moita intensidade, de moita agresividade, incómodo. E para iso temos que mostrar nosa mellor versión para poder xerar situacións de gol. Non o considero un equipo defensivo, a pesar de que poida que xoguen con 3 centrais. Acumulan moita xente en zona de remate e son xente poderosa. Teñen bastante presencia en centros laterais e accións a balón parado".

En canto ás baixas do Dépor para o partido, ben por lesión ou por sanción, o técnico branquiazul manifestou que "todos nos necesitamos, ímonos a necesitar para poder cumprir os obxectivos. Temos que dar resposta a sancións, a lesións. E diso dependerá que se poida estar máis arriba ou máis abaixo".

Confirmou que mañá Somma será un dos centrais: "Alégrome de que teña mañá esa oportunidade porque é impresionante a profesionalidade deste rapaz no día a día, a pesar de non estar a contar con minutos. E eu alégrome moito de que esta oportunidade lle chegue".

Aos afeccionados deportivistas, Natxo González lémbralles que "quedan 9 partidos en ABANCA-RIAZOR, por 3: 27 puntos. Se conseguísemos todos os puntos, andariamos aí aí xa. Son fundamentais e pedirlles que nos boten unha man cando haxa adversidade, cando as cousas non están ben. Aí é cando necesitamos o maior apoio. Moitos deles sempre están aí dándonos o seu apoio pero isto canto máis xeneralizado sexa mellor, porque o imos a necesitar. Cada vez estámonos xogando todos máis cos puntos, para arriba, para abaixo. Son decisivos tamén eles para botarnos unha man".

Preguntado polos dous fabrilistas na convocatoria, Montiel e Arturo Segado, recoñece que "é difícil que dous rapaces que suban do filial poidan cambiar, nunha zona tan importante como na de creación, o signo dun partido".