RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O ascenso escápase en Son Moix (3-0)

O Deportivo deixou escapar en Son Moix a súa renda de dous goles e perdeu o tren de regreso á máxima categoría, despois de caer por 3-0 ante un Real Mallorca que disputou cada balón ao límite do regulamento e que se mostrou pleno de acerto nas escasas ocasións claras de que dispuxo.

O técnico deportivista, José Luis Martí, realizou catro cambios con respecto ao once presentado no encontro de ida, o pasado xoves en ABANCA-RIAZOR. Dous obrigados, por lesións de Somma e Álex Bergantiños, que foron suplidos por Pablo Marí e Vicente Gómez, e dous por decisión técnica, ambos os dous en ataque: a entrada de Nahuel por Fede Cartabia e a de Borja Valle por Carlos Fernández.

Aos 6 minutos de xogo, Borja Valle reclamou penalti por derriba de Valjent, nunha acción similar á pena máxima que valeu a vitoria ante o conxunto balear na 40ª xornada de LaLiga 1|2|3. Dous minutos máis tarde, o propio dianteiro berciano atopouse cun balón solto na área nunha falta colgada por Pedro. O seu control no peito fóiselle excesivamente alto e Baba anticipóuselle para despexar antes de que o deportivista rematase.

Até entón, o Mallorca merdoeara a área con asiduidade, pero sen chegar a disparar nunha soa ocasión á portería defendida por Dani Giménez.

Mediada a primeira metade, o conxunto local adiantouse no marcador. Dani Rodríguez e Budimir triangularon na frontal da área, o croata desfíxose de Domingos Duarte e colocou o seu disparo lonxe do alcance do porteiro deportivista.

Veuse arriba o equipo bermellón, que gozou dunha falta ao bordo da área no minuto 27. O seu especialista, Salva Sevilla, buscou o pau de Dani Giménez por baixo. O gardameta deportivista puxo a súa luva esquerda para desviar a pelota a saque de esquina.

Dez minutos máis tarde, de novo Dani Giménez estivo sensacional, para atrapar un lategazo raso de Lago Junior, que recortara cara a dentro no extremo esquerdo.

Ao bordo do descanso, o colexiado anulou un gol a Borja Valle por falta. O dianteiro, naquel momento xa xogando en banda esquerda ao ter que abandonar o terreo de xogo Nahuel á media hora por lesión, cabeceou un balón chovido do ceo nunha falta colgada á área por Pedro. O árbitro interpretou que xusto cando cabeceaba a pelota derrubou en falta a Budimir.

Finalmente, chegouse ao descanso coa vitoria pola mínima do Mallorca.

A segunda parte arrancou cun enorme despregamento de intensidade por parte de ambos os onces. As faltas sucedéronse e tamén chegaron os primeiros cartóns.

O Mallorca non gozou de oportunidades até o minuto 57, cando Budimir cabeceou un centro de Estupiñán á dereita do marco coruñés. Á hora de xogo, o lateral ecuatoriano buscou un centro-chute que se perdeu polo mesmo sitio sen que ninguén contactase co coiro.

Estaba a dominar con claridade o Mallorca e atopou o segundo gol nun libre directo de Salva Sevilla que superou a barreira por encima e ante o que nada puido facer Dani Giménez.

O Dépor comezou a dominar entón con maior claridade, cun Mallorca que deu un paso atrás, en busca de sentenciar ao contragolpe. Así, no minuto 75 culminou Lago Junior cun disparo á dereita do marco herculino unha rápida saída de Estupiñán pola banda esquerda.

No minuto 78, o Dépor achegouse ao gol, nun potente remate de socato de Quique a centro de Saúl. Manolo Reina, nun alarde de reflexos, sacou unha milagrosa man que evitou o tanto branquiazul.

Con todo, o equipo local marcou o terceiro gol no minuto 82. Abdón Prats fíxose cunha pelota saída dun rebote en mediocampo, avanzou cara á portería de Dani Giménez e ao bordo da área soltou un zurdazo ante o que o gardameta deportivista non puido responder.

O Dépor envorcouse con absolutamente todo, e Pablo Marí tivo na súa cabeza o tanto do ascenso. Na segunda xogada dunha falta colgada á área, Edu Expósito centrou ao segundo pau, onde o central estaba completamente só. A súa cabezada, con todo, perdeuse lamendo o poste dereito da portería balear.

Real Mallorca: Manolo Reina, Joan Sastre (Xisco Campos, min. 87), Valjent, Raíllo, Estupiñán, Baba, Aridai (Abdón Prats, min. 52), Salva Sevilla, Dani Rodríguez, Lago Junior e Budimir (Àlex López, min. 84).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (Diego Caballo, min. 88), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Vicente Gómez, Edu Expósito, Pedro, Borja Valle (Fede Cartabia, min. 79), Nahuel (Carlos Fernández, min. 30) e Quique.

Goles: 1-0 Budimir (min. 21); 2-0 Salva Sevilla (min. 62); 3-0 Abdón Prats (min. 82).

Árbitro: Pizarro Gómez (c. madrileño). Cartón amarelo a Joan Sastre (min. 50), Domingos Duarte (min. 54), Borja Valle (min. 56), Pedro (min. 78), David Simón (min. 86), Manolo Reina (min. 86) e Salva Sevilla (min. 89).

Incidencias: partido de volta da final do playoff de ascenso a LaLiga Santander disputado no estadio de Son Moix ante uns 20.000 espectadores, con medio milleiro de afeccionados deportivistas nas bancadas.