RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA volve sumar na Primera Iberdrola (3-3)

O Deportivo ABANCA sumou un empate ante a Real Sociedad en Abegondo, no partido de Primera Iberdrola aprazado polo temporal antes das festas do Nadal e que o cadro coruñés non puido desnivelar ao seu favor a pesar de adiantarse en tres ocasiones con outros tantos goles de Peke.

Comezou o encontro cun Deportivo fiel ao seu estilo, arriscando moito na saída do balón debido á presión alta da Real Sociedad. Despois dun par de sustos sen repercusión nin sequera a nivel estatístico, chegou a mala noticia da lesión de Alba Merino, despois dunha mala caída nunha entrada de Etxezarreta. Teresa Abelleira saíu ao campo en lugar a estremeña.

O Deportivo ABANCA avisou das súas intencións no minuto 14, nun disparo lonxano e frouxo de Kika. E adiantouse no marcador no 18. Teresa buscou un pase longo para Peke, que lle gañou a loita a Etxezarreta. A central donostiarra empuxouna e a colexiada sinalou o punto de penalti. A propia Peke enganou a Adri Nanclares para colocar o 1-0 no marcador.

Pouco durou a alegría, xa que Palacios buscou un pase en profundidade entre as centrais deportivistas que atopou a Nahikari. A dianteira internacional absoluta definiu con tranquilidade ante Sullastres para establecer a igualada no marcador. Corría o minuto 21.

O Deportivo recuperaba o mando 10 minutos máis tarde. Peke quedou man a man con Nanclares, que adiviñou o seu remate. Con todo, o rexeite volveu caer a pés da dianteira vasca, que en segunda instancia colocou o balón pegado ao traveseiro, moi lonxe do alcance da gardameta e das defensas visitantes que cubrían a portería. Con este tanto, a goleadora vasca alcanzou os 10 na presente campaña na Primeira Iberdrola, superando os 9 que contabiliza Gaby.

A Real Sociedad estivo a piques de empatar novamente con rapidez. No minuto 33, Nerea Eizaguirre lanzou un córner pechado que botou na área pequena. Nuria Mendoza chegou a impactar co coiro pero non foi capaz de dirixilo cara á portería. Só tres minutos despois, Adri Nanclares realizou unha gran intervención nun duro lanzamento de Teresa Abelleira, que desviou a saque de esquina.

O equipo vasco apertou o acelerador nos minutos finais, a pesar de perder por lesión á súa goleadora Nahikari. Primeiro foi Nerea Eizaguirre a que rematou frouxo, a mans de Sullastres, un centro desde a dereita. Xa no tempo engadido, Marta Cardona disparou cruzado pero con pouca forza, a pesar do cal obrigou á porteira deportivista a lanzarse a por un balón que ía ben dirixido cara ao pau contrario. E xusto antes do descanso, un potente zurdazo de Nerea Eizaguirre dobrou as mans de Sullastres, aínda que a porteira branquiazul foi capaz de poñer as mans coa forza suficiente para evitar que o balón seguise a liña cara ao seu marco e Nuria chegou para afastar o perigo.

A segunda metade comezou con outra mala noticia. Teresa Abelleira xogou un balón perpendicular cara a Bedoya, que esvarou ao rectificar a súa carreira. Marta Cardona fíxose coa pelota e bateu no man a man a Sullastres para colocar o 2-2 no marcador.

Á hora de xogo, unha gran internada pola dereita de Michelle Romero culminouna a venezolana cun zurdazo cruzado que Adri Nanclares rexeitou cara ao lateral. Pero xustamente alí atopábase Peke, que empuxou comodamente o coiro ao fondo das mallas para lograr un 'hat-trick', elevar a 11 a súa conta particular de tantos nesta liga e subir o 3-2 ao electrónico.

Durante a media hora final, a Real tratou de buscar unha nova igualada movendo o seu banco aínda que, curiosamente, acabou substituíndo ás súas tres internacionais absolutas. E atopou o 3-3 á saída dun córner, nun duro remate precisamente dunha das substitutas, Cecilia Marcos, cando o cronómetro sinalaba o minuto 85.

A pesar dos intentos nos minutos finais das xogadoras de Manu Sánchez, a Real Sociedad defendeuse con acerto, polo que o empate non se moveu. Deste xeito, o equipo donostiarra converteuse no terceiro en levar algún punto de Abegondo, despois do UD Granadilla Tenerife (1-1) e Athletic Club (0-2). Con este punto, as branquiazuis rompen unha xeira de tres derrotas consecutivas na Primera Iberdrola, para sumar 31 puntos e conservar a quinta praza que o conxunto vasco aspiraba a arrebatarlles hoxe.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris (Patri López, min. 86), María Méndez, Bedoya, Nuria, Kika (Maya Yamamoto, min. 61), Iris, Alba Merino (Teresa Abelleira, min. 11), Michelle Romero (Gaby, min. 61), Peke e Athenea.

Real Sociedad: Adri Nanclares, Lucía, Etxezarreta, Nuria Mendoza, Iraia, Maddi, Marta Cardona (Manu Lareo, min. 77), Leire Baños, Palacios (Roda, min. 67), Nerea Eizaguirre (Cecilia Marcos, min. 77) e Nahikari (Olaizola, min. 43).

Goles: 1-0 Peke, de penalti (min. 19); 1-1 Nahikari (min. 21); 2-1 Peke (min 30); 2-2 Marta Cardona (min. 50); 3-2 Peke (min. 60); 3-3 Cecilia Marcos (min. 85).

Árbitra: Sánchez Miguel (c. catalán). Cartón amarelo a Etxezarreta (min. 18), Nuria (min. 47), Marta Cardona (min. 55) e Iraia (min. 74).

Incidencias: partido da 14ª xornada da Primera Iberdrola, que debía disputarse o pasado 21 de decembro e que foi aprazado polo temporal de vento que azoutou Galicia, disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante 700 espectadores.