RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O Dépor alégrame o corazón", dille un rapaz deportivista a Álex en Macron Store

Os afeccionados do Real Club Deportivo, especialmente os máis pequenos, non fallaron esta tarde á cita co capitán do Deportivo Álex Bergantiños e o dianteiro internacional venezolano Christian Santos na Macron Store da Coruña, situada na Rúa Gutemberg número 23, no polígono da Grela.

O acto estivo organizado por Macron, Macron Store Coruña e o Real Club Deportivo.

Nico, un fiel seguidor deportivista do mesmo xeito que os seus pais, foi o que rompeu o xeo cos xogadores; mentres na cola, paciente, agardaba Antón, acompañado pola súa nai e o seu irmán pequeno.

Ataviado aínda co uniforme escolar, Antón dirixiuse a Álex nada máis chegar a súa quenda. "Tráioche unha carta para ti", espetoulle en voz baixa ao capitán deportivista con timidez.

O centrocampista coruñés, sorprendido, abriu a carta de puño e letra de Antón: "Ola, son Antón, doulle esta carta a Álex Bergantiños porque son do Dépor. Quero que o saibas. Es o meu xogador favorito e Quique tamén. Pero es o capitán do equipo e o Dépor alégrame o corazón. Bo nadal".

Álex, emocionado, tamén lle dedicou unhas palabras de agarimo no caderno que Antón traía consigo para levar o seu máis prezado agasallo, un autógrafo do seu ídolo.

Após atender pacientemente a nenos e maiores; e asinar camisetas, balóns, postais... o acto finalizou cunha foto de familia cos empregados de Macron Store.

Ademais, Álex posou coa súa foto tamaño mural que dá a benvida aos clientes da tenda oficial de Macron na Coruña, e até tivo a oportunidade de dedicala.