RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor completou na Cidade Deportiva do Mallorca a preparación do partido de mañá

Após chegar ao hotel de concentración en Palma de Mallorca ás 15:00 horas, comer e gozar dun pequeno descanso, os 20 convocados por Natxo González realizaron na Cidade Deportiva Antonio Asensio a última sesión preparatoria de cara ao partido de mañá.

Ás 19:00 horas, cunhas condicións meteorolóxicas moi similares ás que deixaron atrás na Coruña, marcadas especialmente por unhas baixas temperaturas, os futbolistas arrincaron un adestramento seguido por media ducia de afeccionados do Dépor que se achegaron ás instalacións do Real Club Deportivo Mallorca.

Quecemento, rondos e exercicios para axustar os desprazamentos de balón, a puntaría e os movementos en espazos reducidos puxeron, durante 80 minutos, o epílogo á semana de preparación do primeiro partido lonxe de ABANCA-RIAZOR de 2019.

Após o traballo a expedición regresou ao hotel de concentración na capital balear, o Innside Palma Bosque by Meliá, do que sairán mañá pola tarde para enfrontarse ao RCD Mallorca en Son Moix (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), en partido correspondente á 21ª xornada en LaLiga 1|2|3.