RCD / NOVAS

Confirmados oito partidos dunha pretemporada que arrancará o 5 de xullo

06/06/2017 13:25

O Deportivo comezará a preparación para a súa cuarta campaña consecutiva na Primeira División, a 46ª de #ANOSAHISTORIA, o mércores 5 de xullo, nunha pretemporada para a que confirmou a disputa de oito encontros amigables, todos fronte a equipos galegos.

O cadro deportivista regresará ao traballo o mércores 5 de xullo. Pola mañá, ás 09:00 horas, os xogadores pasarán recoñecemento médico. Esa mesma tarde, ás 18:00 horas, comezarán o traballo de campo na Cidade Deportiva de Abegondo.

O conxunto branquiazul disputará o seu primeiro encontro unha semana máis tarde, o xoves 13 de xullo fronte ao Racing Villalbés no campo da Magdalena. O partido na capital da Terra Chá, punto de partida habitual dos amigables de pretemporada (en 15 ocasións entre 1990 e 2007), non abre o verán deportivista desde hai xusto unha década, aínda que tamén se disputou en 4 dos últimos 10 anos.

Dos oito rivais, os seis primeiros xogarán o próximo curso en Terceira División (Villalbés, Arosa, Silva, Cerceda, Somozas e Bergantiños) e os dous últimos, dentro da cuarta semana de traballo, farano en Segunda División B (Pontevedra e Racing de Ferrol).

Estes son os partidos confirmados ata o momento para a pretemporada do primeiro equipo deportivista:

13 de xullo: Racing Villalbés - Deportivo (A Magdalena, Vilalba)
14 de xullo: Arosa - Deportivo (A Lomba, Vilagarcía de Arousa)
15 de xullo: Silva - Deportivo (Campus Universitario de Elviña, A Coruña)
18 de xullo: Cerceda - Deportivo (O Roxo, Cerceda)
20 de xullo: Somozas - Deportivo (Manuel Candocia, Somozas)
22 de xullo: Bergantiños - Deportivo (As Eiroas, Carballo)
25 de xullo: Pontevedra - Deportivo (Pasarón, Pontevedra)
27 de xullo: Racing de Ferrol - Deportivo (A Malata, Ferrol)