RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor de 1988, homenaxeado no 30 aniversario do gol de Vicente

O Deportivo 1987-1988 recibiu a homenaxe do Club no día do 30 aniversario dun partido que marcou a historia moderna da entidade branquiazul e que quedará gravado para sempre no documental 'Dépor 88', que se atopa en proceso de produción e en procura de financiamento a través de micromecenazgo.

Vicente Celeiro, autor do gol que o 22 de maio de 1988 evitou o descenso do Deportivo á Segunda División B arrastrando unha considerable débeda económica, foi o gran protagonista do acto.

Os xogadores Portela, Modesto, Cayetano, Agulló, Óscar e José Ramón, xunto a un dos tres adestradores que pasaron polo banco deportivista aquela temporada, Luis Rodríguez Vaz, sumáronse ao acto. O conselleiro Daniel Ramos entregou a todos eles unha figura de Sargadelos cunha placa conmemorativa que reza: "O Real Club Deportivo, no 30 aniversario dun partido inesquecible na nosa historia. Riazor, 22 de maio de 1988-2018".

Eva Alonso, produtora da longametraxe, e César Seijas, director, introduciron aos asistentes no seu proxecto, ademais de agradecer a súa colaboración ao RC Deportivo.

O histórico gol de Vicente, as circunstancias que rodearon a aquel equipo e o que significou posteriormente son diferentes aspectos que pretende plasmar 'Dépor 88'. Para poder desenvolvelo, Chiripa Producciones atópase inmersa na procura de financiamento a través dunha campaña de crowdfounding dispoñible na plataforma de micromecenazgo Verkami.