RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor encara a visita ao Pontevedra CF cos mesmos 19 xogadores do Racing de Ferrol

Os mesmos 19 xogadores que derrotaron ao Racing de Ferrol o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR afrontan mañá sábado 5 de decembro a visita ao Pontevedra CF (17:00 horas, TVG) en Pasarón.

Co fabrilista Adri Castro incluído, quedan fóra por lesión Keko, Derik e Miku. Os tres continúan co seu proceso de readaptación física baixo a supervisión de Fran Molano. "Están preto, moi preto. Non podemos dicir se poderán xogar antes de Nadal pero se non chegan van estar aí. Para a semana posiblemente poidan adestrar cousas comigo", comentou Fernando Vázquez sobre eles en rolda de prensa.

O técnico deportivista confirmou que Diego Rolan "tivo hoxe sensacións positivas. Vai viaxar e imos ver mañá como está. Hoxe, aínda que non foi un adestramento demasiado longo, completouno á perfección".

No adestramento desta mañá, baixo un forte temporal de vento e saraiba, o corpo técnico branquiazul acurtou a duración. Após un quecemento e rondos, houbo unha serie de partidos en espazo reducido, de alta intensidade.

O equipo branquiazul desprázase a Pontevedra mañá mesmo, directo desde a Cidade Deportiva a Pasarón.

Finalizado o encontro, Fernando Vázquez citou ao seu cadro de novo en Abegondo o domingo 6 de decembro ás 11:00 horas para un adestramento que será de recuperación para os titulares ante o conxunto pontevedrés.