RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
TERESA HERRERA

O Dépor gaña o seu décimo oitavo Teresa Herrera

- Foto: Mero Barral - O Real Club Deportivo proclamouse gañador da LXIX edición do Teresa Herrera tras imporse ao Sporting de Gijón por 1-0. Con este novo título, o Dépor consegue por décimo oitava ocasión un torn


- Foto: Iratxe Vietes-
O partido non tivo demasiada historia e a pesar de ter ritmo e intensidade por fases, careceu de ocasións claras nunha e outra portaría.
 
A primeira parte foi practicamente un monólogo do Deportivo, que tivo un control absoluto do encontro, conseguindo combinar con rapidez e mantendo ben o control do balón na zona de tres cuartos de ataque pero sen profundidade nos metros finais. 
 
A nota negativa da primeira metade púxoa o capitán Manuel Pablo, que tivo que solicitar o cambio no minuto 29 ao sufrir molestias nos isquiotibiais da súa perna esquerda. O posto e o brazalete cedeullo a Laure.
 
O gol que finalmente deu o título ao Deportivo fíxose esperar e chegou nunha xogada de fortuna. O córner lanzado desde a zona esquerda de ataque por Juan Carlos atopouse no primeiro pau co despexe errado de Álex Serrano. O xogador sportinguista desviou o balón cara á portaría de Cuéllar para subir o primeiro dos branquiazuis ao marcador de Riazor.
 
Víctor Fernández aproveitou o descanso para facer unha tripla substitución e dosificar deste xeito os minutos dos xogadores na pretemporada. Algo máis tivo que esperar Lucas para o seu ansiado debut coa camiseta do Dépor en Riazor. No minuto 61 o coruñés saltou ao campo en lugar de Isaac Conca que hoxe se estreou como titular no campo deportivista.
 
No segundo tempo o encontro continuou polos mesmos camiños. Maior dominio e profundidade do Dépor mentres o Sporting tentaba timidamente á contra crear ocasións na portaría defendida hoxe por Fabricio. As oportunidades máis claras de ambos os equipos traducíronse en disparos desviados por parte de Stefan e de Wilk, ademais dun remate de cabeza de Fariña que se escapou a escasos centímetros da cepa do poste da meta de Cuéllar.
 
Antes do final Luisinho sufriu un golpe na perna que lle obrigou a deixar o terreo de xogo. O Sporting, nun xesto de total deportividade, permitiu ao Dépor facer un novo cambio que superaba xa o límite marcado polo regulamento do torneo. Iago cubriu o oco do portugués nos últimos minutos que o Deportivo controlou á perfección para conseguir un novo Teresa Herrera.
 
Dépor: Fabricio, Manuel Pablo (Laure, min. 29), Lopo (Insua, min. 45), Álex Bergantiños, Canella (Luisinho, min. 45 - Iago, min. 85); Wilk, José Rodríguez, Conca (Lucas, min. 61), Juan Carlos (Juan Domínguez, min. 72), Cavaleiro (Fariña, min. 45); e Borja.
 
Sporting de Xixón: Cuéllar, Sergio Álvarez, Guerreiro, Nacho Cases, Lora, Iván Hernández, Santi Xara, Álex Menéndez, Xullo, Bustos, Álex Serrano. Tamén xogaron: Luís Hernández, Álex Barreira, Pablo, Isma López, Castro, Stefan e Dani.
 
Árbitro: Velasco Carballo (Madrid). Amoestou a Luisinho (min. 35) e Pablo (min.43)
 
Goles: 1-0: Álex Serrano (P.P.) min. 40
 
Incidencias: Final do LXIX Teresa Herrera.