RCD / NOVAS

O Dépor, presente no Kick Off da eLaLiga

13/02/2020 16:53

O RC Deportivo debutará esta temporada nos eSports, participando na eLaLiga, a competición oficial de LaLiga de FIFA20 que se presenta e arranca mañá en Madrid.

Nacho Abella (Oviedo, 2000) e Iván Rubianes (A Coruña, 1990) serán os representantes do Dépor na competición. Nacho, baixo o nick "pepeelbotellu" e Iván Rubianes, como "ivRubianes" xa empezaron a xogar a principios desta semana contra os mellores gamers nacionais de FIFA20, de maneira individual, para estar presentes no 'Kick Off' presencial de mañá en Madrid, algo que conseguiu o xogador asturiano. En xogo, os primeiros PRO points da competición, e así tentar clasificarse para a gran final do 9 de maio.

Nacho Abella foi o gañador do Draft organizado por LaLiga e EA Sports para buscar un representante para o Dépor entre 695 participantes.

Iván Rubianes, socio do Dépor, regresa á competición representando ao Club da súa vida após ser top 8 da Virtual Laliga eSports en 2018.

A eLaLiga Santander, a competición oficial máis importante de España, serve como clasificatorio para as Global Series de FIFA 20. No 'Kick Off', que dará o pistoletazo de saída na competición en exclusiva para os representantes dos clubs de LaLiga Santander e LaLiga Smartbank (participan 33 dos 42 clubs de LaLiga) poderán gañar os seus primeiros puntos de cara á clasificación xeral da competición, que lles permitirá clasificarse para os próximos acontecementos presenciais (Mid Season e a Gran Final).

No mes de abril, chegará o segundo presencial, o Mid Season, que se celebrará en Barcelona e, por último, o 9 de maio xogarase a gran final da eLaLiga Santander.