RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor segue sumando minutos e goles en Viveiro (0-4)

Após arrincar a pretemporada o pasado mércores en Vilalba, o Deportivo continúa sumando minutos nas pernas dos futbolistas, probando recursos tácticos e combinacións de futbolistas con varias semanas aínda antes de empezar a competición oficial. O destino de hoxe era Viveiro que nas últimas temporadas converteuse nun clásico dos partidos de preparación branquiazuis.

O Dépor empezou o choque cargando o xogo pola banda esquerda con senllos centros de Héctor Hernández, o primeiro atallado polo gardameta local e o segundo que non puido rematar Noel a escasos metros da portería. Á terceira si foi a vencida ao aproveitar un erro de Tomy, que deixou o balón aos pés de Quiles, que con sutileza superou ao porteiro lucense para pór o 0-1 no marcador. O onubense puido facer o segundo no minuto 12 pero o remate á saída dun corner marchóuselle alto.

Juergen desde a frontal non atopou portería por centímetros. Noel a pase de Trilli contra o porteiro, Villares contra o traveseiro e de novo Noel obrigando á estirada do gardameta puideron asinar o segundo, pero finalmente este foi obra de Quiles após recibir de Yeremay, que gañara liña de fondo. Cos 45 cumpridos, de falta directa desde a frontal, Héctor Hernández fixo o terceiro tanto que dedicou a Juan Ángel Barros no seu último partido como delegado.

Na segunda parte o Viveiro dispuxo da súa única ocasión cun disparo desviado sobre a portería de Mackay, mentres que na área contraria o Dépor dispuxo das mellores ocasións cun disparo de Rafa de Vicente, con rosca e intención desde a frontal que non atopou a portería de Cedrón. Menudo alto, Miku de socato ao peito de Cedrón e Menudo obrigando á estirada do porteiro vivariense e a despexar un man a man, protagonizaron as mellores chegadas. Houbo que esperar ao 79 para que Gandoy, recentemente entrado no campo, de centro chute, anotase o cuarto do partido. As últimas do Dépor chegaron por mediación de William de Camargo e de Rafa de Vicente, en ambos os casos ben resolto por Cedrón a pesar da dificultade de evitar o quinto.

Viveiro CF: Tomy (Cedrón, min. 46), Brais (Rolle, min. 62), Pablo Rey (Hugo, min. 62), Nico (Carlos, min.79), Edgar (Lucas, min.79), Muiño, Mariño, Marcos, Asier (Hugo, min.79), Trasi (Diego, min. 46) e Lucki.

RC Deportivo: Mackay (Alberto, min 62), Trilli (Jaime, min. 62), Borja Granero (Juan Rodríguez, min. 62), Pablo Trigueros (Lapeña, min 46), Héctor Hernández (Aguirre, min. 46), Juergen (Rafa de Vicente, min. 46), Calavera (Álex Bergantiños, min. 46), Diego Villares (William, min. 46), Keko Gontán (Yeremay, min. 32; Mella, min. 79), Noel (Menudo, min. 46; Gandoy, min. 79) e Quiles (Miku, min. 46).

Goles: 0-1 Quiles (min. 8); 0-2 Quiles (min. 42); 0-3 Héctor (45+1); 0-4 Gandoy (min. 80).

Árbitro: Abel Bruzo (c. Galego). Amoestou a Mariño (min. 20).

Incidencias: segundo partido amigable da pretemporada 2021-2022 disputado no Campo Municipal de Cantarrana. Juan Ángel Barros, delegado do Deportivo, no seu último partido, fixo o saque de honra e recibiu o recoñecemento do Viveiro CF e da pena Deportivista da localidade lucense.