RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor tráese da Malata o Trofeo Concepción Arenal (1-4)

O Deportivo adxudicouse a 56ª edición do Trofeo Concepción Arenal, un dos trofeos con máis soleira do fútbol español, ao derrotar (1-4) ao anfitrión Racing de Ferrol no campo da Malata.

Do mesmo xeito que o pasado martes en Pasarón, os futbolistas titulares hoxe na Malata actuaron os primeiros 70 minutos. Estes xogadores foron os que saltaron ao campo na segunda metade en Pontevedra, coas excepcións de Luisinho, ausente o martes por lesión; Bakkali, que relevou a Andone ao cuarto de hora de xogo do pasado choque; e Rubén, titular en ambos amigables.

A primeira metade foi moi entretida, con ocasións de gol nas dúas áreas, aínda que loxicamente sobre todo na racinguista. Emre Çolak adiantou ao Dépor, empatou o Racing nun contragolpe de manual tras un saque de esquina branquiazul, e de novo o internacional turco, esta vez de falta, volveu poñer en vantaxe aos coruñeses.

Na segunda metade, o Racing de Ferrol tentou ir a por o empate e puxo nalgún aperto á zaga deportivista. Con Bakkali xa no banco e Andone lesionado, foron Çolak e Bicho os que alternaron en punta de ataque. Borja Valle ocupou a banda esquerda.

A partir do minuto 70, o Dépor cambiou practicamente de once e o Racing deu entrada aos seus homes de refresco. Os ferroláns perderon intensidade e o Deportivo foi claro dominador.

Da Lama en propia meta subiu o 1-3 e Juanfran o 1-4, co que concluíu o partido, tras o que Deportivo, por medio do seu capitán Pedro Mosquera, recolleu o trofeo ferrolán por décimo sexta vez.

Racing de Ferrol: Mackay, Aldalur, Borja Freire, Víctor Vázquez, Nano, Gonzalo, Armental, Beitía, Joselu, Pablo Rey y Fran Sota. Tamén xogaron: Da Lama, Néstor, Iván Pérez, Pascual, Carlos, Edu, Sergio Otero, Luis e Mendi.

Deportivo: Rubén, Gerard Valentín, Schär, Albentosa, Luisinho (Fernando Navarro, min. 63), Edu Expósito, Bicho, Emre Çolak, Borges, Bakkali (Fede Cartabia, min. 46) e Borja Valle.

Deportivo, a partir do minuto 70: Rubén, Juanfran, Arribas, Róber, Fernando Navarro, Guilherme, Pedro Mosquera, Fede Cartabia, Borja Valle, Fede Valverde e Bicho.

Goles: 0-1, min. 9: Emre Çolak; 1-1, min. 14: Fran Sota; 1-2, min. 33: Emre Çolak; 1-3, min. 82, Da Lama, en propia meta; 1-4, min. 88: Juanfran.

Árbitro: Óscar Martínez Santos, do Colexio Galego.