O Deportivo ABANCA recupera a Athenea para visitar este domingo en Valencia ao Levante UD
De novo cita con maiúsculas para o Deportivo ABANCA este domingo 8 de decembro na Cidade Deportiva de Buñol (18:30 horas, GOL) ante un dos históricos do fútbol feminino español, o Levante UD.
O choque, que corresponde á 12ª xornada na Primeira Iberdrola, enfronta ás terceiras na táboa con 22 puntos (as deportivistas), e ás cuartas con 19 puntos (as granotas). "Seguramente esteamos a ocupar o seu posto na táboa. Elas pelexarán por facer un bo partido alí e desbancarnos desta posición", advirte Manu Sánchez en rolda de prensa.
Manu Sánchez citou a 18 futbolistas, entre elas a canteirá Patri López, que viaxarán mañá sábado 7 de decembro á primeira hora da mañá e realizarán pola tarde, ás 18:30 na Cidade Deportiva da Valencia CF en Paterna, unha última sesión de preparación.
Perderase o choque por lesión Miriam, que é "unha baixa importante deportiva e no vestiario. Fíxose ao final cun sitio no once. Recuperamos ao resto de xogadoras. Hai algunha que outra molestia pero saberemos suplila ben", indica o técnico deportivista. Tamén apuntou que Patri Díaz anda con algunha molestia nun xeonllo e María Miralles foi operada nunha man.
Recupera iso si o Deportivo ABANCA a Athenea. A futbolista cántabra perdeuse os dous últimos partidos, ante FC Barcelona e Sevilla FC, por enfermidade.
O Dépor ABANCA viaxa mañá sábado 7 de decembro á primeira hora da mañá a Valencia, segundo esta folla de ruta:
Sábado 7 de decembro 09:20: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino Madrid 10:40: Chegada aproximada a Madrid 12:00: Saída do voo de Madrid con destino Valencia 13:05: Chegada aproximada a Valencia e aloxamento no Hotel Valencia Congress 18:30: Adestramento en Paterna, Cidade Deportiva da Valencia CF
Domingo 8 de decembro 18:30: Levante UD - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva de Buñol Ao finalizar, viaxe de regreso en autocar á Coruña
Manu Sánchez citou de novo ao seu cadro o martes 10 de decembro ás 17:00 en Abegondo.