RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O exdeportivista Rifé I faleceu aos 82 anos

Lorenzo Rifé Climent (Sant Celoni, 5 de febreiro de 1938), futbolista do Deportivo a comezos dos anos 60, faleceu este sábado 9 de xaneiro aos 82 anos de idade.

Nacido o 5 de febreiro de 1938 na localidade barcelonesa de Sant Celoni, Rifé I –como era coñecido ao compartir profesión co seu irmán menor Joaquín, que disputou máis de 400 partidos coa elástica do FC Barcelona- foi xogador deportivista durante tres temporadas (1962-1965).

Rifé I iniciouse no mundo do fútbol nas filas do Juvenil del Poble Nou, desde o que deu o salto a un equipo máis importante da capital catalá, o CE Júpiter, e despois ao filial do FC Barcelona, o CD Condal. Despois de cinco campañas na entidade de azulgrana, das que unha, a 1960-61, pasouna no Atlético Ceuta mentres cumpría o servizo militar en Melilla, recalou no Deportivo no verán de 1962.

O defensa catalán chegou á Coruña durante o verán da marcha de Amancio ao Real Madrid, tralo ascenso a Primeira División despois de cinco cursos consecutivos na categoría de prata. A súa aterraxe resultou exitosa, posto que formou parte do once que venceu ao campión de Europa en vigor, o SL Benfica portugués, no partido correspondente ao XVII Trofeo Teresa Herrera (4-2), o 9 de setembro de 1962. Na foto baixo estas liñas, Rifé porta o trofeo xunto a Veloso.

O seu debut oficial como branquiazul produciuse unha semana máis tarde, o 16 de setembro de 1962, en partido da 1ª xornada da Primeira División no que o Deportivo venceu ao Sevilla en Riazor mercé a un solitario tanto do peruano Montalvo. O Deportivo, dirixido por Enrique Rabassa, formou aquel día con Padrón; Miche, Rifé I, Domínguez; Antonio Ruiz, Aurre; Sornichero, Escolá, Veloso, Jaime Blanco e Montalvo.

Con todo, Rifé acabou topándose aquela temporada co biscaíño Pegaso, que o apartou da titularidade, posto que disputou 17 partidos, deixando ao catalán actuar nos restantes 13 encontros.

Despois de descender á conclusión da temporada 1962-1963, Rifé apenas contou para os seguintes técnicos. Con Roque Olsen, adestrador do ascenso de 1964, soamente xogou un encontro. No regreso á división de honra, primeiro con Juan Ochoa e logo con Luis Carniglia, Rifé I soamente xogou 4 partidos, eclipsado pola irrupción de Manolete. O seu último encontro como deportivista foi o 25 de outubro 1964, en Valencia fronte ao Levante UD, que se impuxo por 1-0 na 7ª xornada de Primeira División.

En total, Rifé I disputou 20 partidos coa camiseta do Deportivo, 17 en Primeira División, 1 en Segunda e 2 en Copa. Despois do seu periplo deportivista, colgou as botas con só 27 anos após militar unha soa temporada no Gimnàstic de Tarragona e a pesar de contar con ofertas do Levante UE e a UE Figueres.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeros e a todo o deportivismo. DEP.