RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O liderado queda en Salamanca (2-1)

Unionistas de Salamanca e Deportivo afrontaban un duelo no cume polo liderado da categoría e por tentar derrotar por primeira vez na temporada ao equipo rival. Lapeña ao lateral dereito, a primeira titularidade de Trigueros e a estrea de inicio de Mario Soriano foron as principais novidades da receita que presentou Borja Jiménez para o partido de Salamanca.

O primeiro cuarto de hora foi de tenteo entre dous equipos que chegaban con diferenzas mínimas nas súas estatísticas e así se reflectiu sobre o terreo de xogo. Unicamente unha xogada de Mario Soriano, que forzou o saque de esquina, e un disparo de Rayco desde o pico da área ás mans de Mackay xusto despois de reclamar un posible agarrón a De la Nava dentro da área.

Desde o minuto 15 o ritmo do partido cambiou, dinamitado polo gol do Dépor. Quiles recibiu no punto de penalti e buscou o espazo na cruceta da área pequena, onde conseguiu darse a volta para apuntar ao segundo pau e cruzar sobre Salva De la Cruz para romper a igualdade reinante.

O Unionistas reaccionou ao tanto visitante índose a por a igualada. A primeira oportunidade chegou a tiro raso de Rayco que obrigou a Mackay a estirarse até a cepa do seu pau dereito. O Dépor tampouco deixou de buscar ampliar diferenzas no marcador. No minuto 20, Villares cociñouse unha xogada até dentro da área, pero Quiles non puido armar o disparo. Na segunda xogada Álex deixou para Juergen que, desde a frontal, obrigou a actuar a De la Cruz. Xusto na seguinte foi Soriano quen disparou uns centímetros por encima do traveseiro charro.

Superado o primeiro cuarto do partido, todo o perigo trasladouse á área de Ian Mackay. Un zapatazo de Salinas, dous metros dentro de área polo recanto coa zurda da raia, serviu para devolver as táboas ao marcador e as dúbidas ao xogo do Dépor. A pesar diso, Quiles obrigou a De la Cruz a despexar a corner camiño da media hora, momento no que, de novo, o acerto foi local. Un corte atrás da zaga branquiazul dentro da área deixou o balón nas botas de Pablo Espina que bateu con comodidade a Ian Mackay por segunda vez no partido e na temporada. O porteiro coruñés salvou o terceiro nun disparo raso que desviou a saque de banda mentres que a gran ocasión para pechar o primeiro tempo tívoa Miku. Unha boa xogada colectiva e centro de Villares finalizou co remate do venezolano de calcañar a un par de metros da liña de gol, directamente ás mans do porteiro local.

A segunda parte foi moito menos vistosa que a primeira e empezou mal para o Dépor coa torcedura de nocello de Trigueros nun cruzamento defensivo que lle obrigou a deixar o partido lesionado. As chegadas máis claras do Dépor no desenlace do partido chegaron nunha xogada até liña de fondo de Mario que non puido rematar ben de volea Villares e nun córner de Juergen que rematou de cabeza desviado Miku. O resto de intentos, tanto locais como visitantes, perdéronse na zona de tres cuartos e a frontal da área grazas ao gran traballo defensivo de ambos os equipos. Os adestradores trataron de revolucionar o partido con cambios que mudaron por completo o aspecto que tiñan os seus equipos ao comezo do choque, pero o encontro non cambiou e os minutos fóronse consumindo sen que Salva Da Cruz ou Ian Mackay fosen protagonistas de xogadas clave para ampliar a diferenza de goles local ou lograr a igualada visitante.

No segundo tempo, menos vistoso para o público, o espectáculo trasladouse ás bancadas cos momentos de confraternidade que protagonizaron os afeccionados de Unionistas e Deportivo, nunha homenaxe ao fútbol popular que encarna o equipo local e á xornada festiva que supuña a terceira visita do Dépor en partido oficial ao conxunto charro. Unha festa que tivo finalmente cor aurinegro coa vitoria e o liderado alcanzado por Unionistas despois do primeiro tropezón do Dépor após cinco xornadas disputadas.

Unionistas de Salamanca CF: Salva De la Cruz, Ramiro Mayor, Luis Acosta, Héctor Nespral (Pitu, min. 70), Carlos De la Nava (Jesús de Miguel, min. 80), José Salinas, Íñigo Muñoz (Manu Sánchez, min. 88), Fer Román, Pablo Espina (Mandi Sosa, min. 70), Antonio Martín e Rayco (Borja Herrera, min. 70)

RC Deportivo: Mackay, Lapeña, Trigueros (Alberto Benito, min. 51), Borja Granero (Menudo, min. 68), Héctor Hernández (Aguirre, min. 68), Álex Bergantiños (Doncel, min. 82), Mario Soriano, Villares, Juergen, Quiles e Miku (Noel, min. 82)

Goles: 0-1 Quiles (min. 15); 1-1 Salinas (min. 22); 2-1 Espina (min. 31)

Árbitro: Ruiz Álvarez (c. Asturiano). Amoestou a Miku (min. 34), Héctor (min. 56), Juergen (min. 80) e Aguirre (min. 83)

Incidencias: partido da 5ª xornada da Primeira RFEF Footters disputado no Estadio Reina Sofía, con aforamento reducido, cheo (2.873 espectadores) e coa presenza de 489 Deportivistas nas bancadas.