RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os equipos do Dépor Genuine e do Celta Integra, no Camiño de Santiago con R

Futbolistas do Dépor Genuine e Celta Integra uníronse na tarde de onte para facer un tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo até a Praza do Obradoiro, unha ruta que compartiron con familiares e amigos/as que decidiron unirse a eles/as.

En total, participaron ao redor dun centenar de persoas nunha actividade que ten como obxectivo visibilizar e difundir os valores do Camiño de Santiago, non só como ruta turística, senón con todos os valores de equipo, solidariedade, inclusión e integración de culturas que caracteriza ao Camiño de Santiago.

Esta actividade enmárcase dentro da estratexia de RSE de R, neste caso por partida dobre, como apoio ás accións de visibilidade do forte potencial que teñen as persoas con discapacidade intelectual, concretamente nesta ocasión exercido a través do apoio aos equipos Dépor Genuine e Celta Integra, e por outro como impulso á promoción do Camiño nun ano que ten unha dobre recompensa. Así, ademais da satisfacción de completar esta experiencia única con persoas de todo o mundo, tamén ofrece a oportunidade de participar no Xacobeo 2021-22, cunha programación excepcional e ampliada até o ano 22 pola influencia da Covid-19 que impide actos masivos.

Pola súa banda, desde o Dépor Genuine Gelines Romero, directora da área social do RC Deportivo, destacou que: “despois dun ano sen poder organizar actividades de grupo, co que iso supón nun equipo moi unido a nivel afectivo nas últimas temporadas, este percorrido do Camiño simboliza de novo os primeiros pasos cara a unha recuperación gradual da normalidade na actividade do Dépor Genuine. Facelo ademais camiñando, actividade que permite charlar e compartir bos momentos cos compañeiros de equipo e cos amigos do Celta Integra, serve para reforzar lazos entre os proxectos sociais de ambas as entidades e recargar a ilusión por un dos proxectos máis destacados de todos os que temos na Fundación RC Deportivo”.

Para Álex Abalde, adestrador do Celta Integra, esta actividade supuxo “volver cruzar os camiños dos/as novos do Depor Genuine e Celta Integra. E que mellor maneira de facelo que compartindo o Camiño de Santiago. Os nervios lóxicos convertéronse en alegría polo reencontro de ambos os equipos, nun percorrido cheo de ilusión coa esperada chegada á Praza do Obradoiro, momento máxico e inesquecible, que nenos e nenas viviron con gran emoción e satisfacción”.

Os xogadores/as recibiron ademais como obsequio o Pasaporte do Peregrino para que, desde hoxe sexan eles/as, quen poidan completar o Camiño de Santiago.