RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí: "Estamos a crear un vínculo coa afección, o estadio"

Pablo Marí afirmou á primeira hora desta mañá na sala de prensa de Abegondo que o equipo encara o partido deste venres 12 de outubro en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) "con moitísimas ganas de gañar, de regalarlle á afección 3 puntos que a semana pasada que se nos escaparon. Fixemos un gran partido. O equipo está con moita ilusión, con moitas ganas de deixar os 3 puntos en casa". "Temos que facer bo o punto da semana pasada. Saír a gañar este. Hai que ser fieis ás nosas ideas, ao noso fútbol, ao que nós cremos que nos vai ben en cada partido. E saír a gañar", engade.

O central valenciano cre que o equipo atopou "unha base para xogar ao fútbol. Temos unhas ideas moi claras. Somos capaces de adaptarnos á situación do xogo que nos atopemos. Para o equipo é moi bo. Temos un cadro moi amplo. Calquera futbolista pode adoptar calquera rol. Estamos nunha liña máis continuada do noso fútbol, das nosas ideas. Iso canto antes tivésemolo mellor".

Lembra que nestes primeiros partidos ligueiros do Dépor fóra de casa "non é fácil para ningún equipo sacar os puntos como fixemos nós. De todos os partidos que levamos só un perdido, e máis no campo do Alcorcón. Non son números malos. O equipo fixo un bo arranque de liga, o que pasa é que en casa estás coa túa afección, no teu estadio. Cambia un pouco".

Iso si, asegura que o Dépor debe ter "as mesmas ideas" en ABANCA-RIAZOR e lonxe da Coruña, "expoñer o mesmo tipo de xogo. Canto antes teñamos as ideas claras de que temos que xogar igual en casa que fóra, iranos mellor", insiste.

A circunstancia de que os rivais cren poucas ocasións, sobre todo en casa, a xuízo de Pablo Marí "di moitas cousas do equipo. Non só é dos centrais e do porteiro o traballo defensivo. Estamos a facer un traballo defensivo todos. O equipo ten unha mentalidade defensiva moi boa e para min, que son defensa, facilítame moito o traballo".

Con 15 puntos e en 5ª posición, o futbolista valenciano subliña que "estamos nunha moi boa posición. Non estamos mal. Estamos colocados moi ben, sobre todo na base do fútbol e as ideas. Témolas moi claras. Os puntos chegarán, as vitorias chegarán seguindo esa mentalidade".

Admite que "para nós é un pracer xogar en ABANCA-RIAZOR. Xogar coa nosa xente, ademais como o están facendo, que nos están apoiando até o último minuto. Podes equivocarte nun pase e no canto de apuparte, fan todo o contrario. Fai que a seguinte vez téntelo facer o mellor posible. Estamos a crear un vínculo coa afección, o estadio, os futbolistas, o corpo técnico. Entre todos estamos a facer que todos vaiamos a unha, porque isto vai ser moi longo e necesitarémolo".

Do Elche, Pablo Marí advirte que "é un equipo grande da liga, que estivo sempre en categorías superiores. A ilusión e ganas non lle vai a gañar ninguén. Son recentemente ascendidos que veñen dalo todo, a gañar cada partido. Temos que igualar esas ganas e a fútbol a ver quen propón máis".

Preguntado pola baixa do seu dianteiro goleador, o internacional guineano Sory Kaba, o defensor branquiazul indica que "nós tamén temos baixas. Ao final cada semana non podes ter aos 25 futbolistas dispoñibles. Pero nós temos futbolistas para contrarrestar eses que non poden estar. Os que saian, sairán con igual ou máis ganas".