RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera: "Esta liga é moi longa e imos ser importantes todos"

Pedro Mosquera é un dos poucos futbolistas do vestiario deportivista que ten experiencia no Cerro del Espino, escenario do encontro deste domingo 2 de decembro ante o Rayo Majadahonda (12:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), en partido correspondente á 16ª xornada en LaLiga 1|2|3: "Xa xoguei alí algún partido na miña época de Madrid. Vai ser un campo complicado. Recordo que é pequeno, coa xente moi encima. Vai ser difícil".

Lembra o capitán deportivista que nese recinto deportivo xoga o filial do Atlético de Madrid, que precisamente a semana pasada recibiu alí ao Fabril. "É o típico campo no que a xente está moi pegada ao campo. Aínda que non ten unha capacidade moi grande, seguro que van apertar".

Ante outro partido lonxe de casa, recoñece que "estamos a facelo mellor en ABANCA-RIAZOR que fóra. Somos ambiciosos. Queremos facelo mellor pero sendo conscientes que fóra a categoría é complicada. Todo o mundo está a deixarse bastantes puntos. Sería bo encadear varias vitorias seguidas que iso nos daría ese pasito para estar máis tranquilos. As cousas están a facerse ben e se seguimos nesta liña, seguro que chegarán as vitorias fóra de casa".

Cualifica de "máis importante" este choque en Majadahonda porque "despois veñen dous partidos seguidos en ABANCA-RIAZOR (ante CD Numancia e Real Zaragoza). "Gañar fóra sería incrible porque logo, xogando aquí coa nosa xente, poderiamos dar ese paso", apostila.

Concede "moito mérito" ao AD Alcorcón, líder de LaLiga 1|2|3, por riba do Dépor a pesar de que os branquiazuis só perderon 1 partido dos 15 disputados: "Está a facelo moi ben con Cristóbal. Ten moito mérito porque é un equipo moi organizado". Iso si, di que "esta temporada vai ser moi longa, quedan moitos partidos, e a clasificación vai ir cambiando".

Nesta liña, coincide con Natxo González, que case en cada rolda de prensa dá máis valor a estar metido no grupo de cabeza que mesmo a ocupar postos de ascenso directo: "O que queremos é estar nesas posicións de arriba. Estamos na xornada 15, nunha posición privilexiada (segundos na táboa). O que queremos é mantela o máximo tempo posible".

A nivel persoal, após recuperar un sitio no once inicial no partido do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Osasuna, Mosquera advirte que "esta liga é moi longa e imos ser importantes todos. O outro día tocoume xogar. Atopeime a gusto e a seguir traballando".

Precisamente ese triunfo ante os navarros nun campo moi complicado pola intensa choiva caída durante todo o día sobre A Coruña reforza, para o mediocentro coruñés, ao cadro porque "durante a temporada, sobre todo agora no inverno, imos ir a campos que non estean tan ben para xogar, aínda que non diluvie como o outro día. Aí o equipo non se engurrou, e en segundas xogadas, en disputas por arriba estivo moi ben. Ese rexistro que pode ter o equipo é interesante".

Non se ve incompatible nun equipo con Álex Bergantiños: "Incompatibles non somos ningún xogador. Nestes anos xoguei moito con el. Dá igual quen xogue. O importante é o Deportivo, que estea o máis arriba posible. Nós temos que traballar para estar a disposición do míster. E logo el é quen decide".

Subliña que está "contento porque nos partidos que me tocou xogar de titular, os resultados foron bos. O equipo conseguiu sumar. Estou tranquilo".

Mosquera sinala ao vestiario como unha das claves da boa traxectoria ligueira do Deportivo esta temporada: "Temos moi bo vestiario. Cando estamos tanta xente aquí, almorzando e comendo, axuda. Temos moi, moi bo vestiario".