RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pedro Mosquera: "Fíxose un bo cadro. Falta demostralo no campo"

Pedro Mosquera, o capitán do Dépor, compareceu ante os medios de comunicación esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Ao peche do mercado de verán, cre o centrocampista coruñés que "se fixo un bo cadro. Temos bos xogadores e agora só falta iso, demostralo no campo, e facer unha boa tempada".

Eloxiou a Fede Valverde, que esta tarde chegou á Coruña procedente da concentración da selección de Uruguai, e presentouse co resto de novas fichaxes no Estadio ABANCA-RIAZOR: "É un futbolista novo, pero que ten cousas moi boas. Seguro que o vai a demostrar este ano aquí connosco". "Polo que lle vin en pretemporada é un xogadorazo e nós témoslle moito agarimo no vestiario porque é un rapaz novo, moi tímido", apunta.

Recoñeceu que o empate do Levante deixou unha sensación agridoce no cadro: "É certo que sacamos un punto fóra de casa pero é verdade que tal e como se puxo o partido, deberiámonos levar os tres puntos. Non foron moi boas sensacións as dese partido. Así que estamos a desexar xogar en casa, que nos últimos anos é o que mellor se nos deu. E tentar sacar os tres puntos ante un gran rival".

A Lucas o ve "cada día mellor. Está a poñerse moi ben fisicamente. Cada vez está a coller máis chispiña. O demais xa sabemos o que é. Ten unhas características especiais para xogar ao fútbol e ademais transmite ese punto de alegría ao vestiario que sempre vén ben".

Desvelou ademais que "hai unha competencia moi sa en todos os postos, desde a portería ata a dianteira. Iso é boísimo. Aí estamos a tentar facelo o mellor posible nos adestramentos para poñerllo difícil ao míster".

Do partido deste domingo 10 de setembro ante a Real Sociedad no Estadio ABANCA-RIAZOR (12:00 horas, Bein LaLiga), lembra que "o partido do ano pasado foi moi bo. Esperemos que sexa igual este ano ou sacar os tres puntos que nos darían un empuxón para estar máis arriba".

Cualifica ao conxunto donostiarra como un equipo "dos seis, sete mellores da categoría. Xogan moi ben ao fútbol. Vai ser un partido moi complicado. Ten moi bos xogadores e o seu adestrador failles xogar moi ben".