RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Ao Dépor hai que dicirlle que si sempre"

Pepe Mel, acompañado polo presidente Tino Fernández e o consello de administración, foi presentado esta mañá na sala de prensa de Riazor como novo adestrador do RC Deportivo para o que resta de temporada e a próxima. "Hai máis cousas escritas como en todos os contratos, pero é é o marco que nos expomos agora", subliñou Tino Fernández.

Explicou Mel, nas súas primeiras palabras aos medios de comunicación, que con el chegan ao Deportivo "Roberto Ríos, que os primeiros pasos no fútbol deunos aquí cando era un neno, porque o seu pai como sabedes adestrou ao Dépor. Vén como segundo adestrador. Logo traemos o preparador físico que é David Gómez e José Antonio Gordillo, que á parte de axudarnos no campo é o noso analista. Eu quero que se graven todos os adestramentos que nós fagamos porque non hai mellor forma que demostrarlle a un futbolista quen ten a razón. Ás veces con palabras non vale, pero unha imaxe non minte. Gravar os adestramentos para min é importante, e esa é a súa función".

Confesou o novo técnico deportivista que "dicir que non ao Dépor é moi difícil cando levas un ano vendo o fútbol desde casa e desde os estadios como un espectador, desexando estar metido dentro. Iso non quere dicir que dixésemos que non a outras cousas. Pero ao Dépor hai que dicirlle que si sempre".

Advertiu estar "a desexar" chegar á cidade deportiva, "poñerme en contacto co corpo médico, cos fisios, a ver como están fisicamente os futbolistas, porque da saúde mental voume encargar eu. O principal para xogar ao fútbol é ter a cabeza clara e limpa".

Despois de ver moitos partidos do equipo esta temporada, dixo que "en primeiro lugar o Dépor estivo nos partidos sempre. Quizais en Leganés non, porque o fútbol é desta forma e chega un momento en que un baixa os brazos. Gaizka fixo o traballo que el quería facer pero aos adestradores non sempre nos saen as cousas como un quere. Pero iso non significa que o traballo estea mal".

Na súa opinión, "é o futbolista o que ten que conectar coa xente, non ao revés. Son os xogadores os que teñen que conectar co público de Riazor para que eles lles devolvan con aplausos, con alento, o que eles fixeron no campo. Iso o xogador teno que entender".

É máis, subliñou que "se a calquera adestrador do fútbol profesional poslle o plantel do Dépor por diante e lle dis 'queres adestralo?' xa che digo que o cento por cento dos adestradores españois dirán que si. Iso para min xa responde todo".