RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Quero un Dépor serio, que compita, que xere ocasións"

Pepe Mel asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que este domingo 20 de agosto ante o Real Madrid (22:15, Movistar Partidazo) no Estadio ABANCA-RIAZOR "nós imos pór traballo, ilusión, a nosa idea de xogo. E sobre todo que o Real Madrid teña que pensar cara atrás. Se o Real Madrid só pensa cara adiante divírtese, pásao ben, terá unha noite plácida e nada máis".

Lembrou que o Real Madrid chega á Coruña "con tres partidos oficiais, dous torneos oficiais gañados e competindo a un gran nivel".

Destaca que "se hai un valor seguro que ten o Deportivo como Club é a fidelidade da xente que vai a Riazor, a fidelidade mesmo dos que non van. Demostrárono non só agora, nas épocas nas que o Deportivo estaba en Segunda División. A eles non lles podemos pedir nada. É ao revés. Estamos en débeda coa xente e esperemos que este ano nos poidan felicitar".

Apunta Pepe Mel que o que quere é que "cando termine o partido a xente senta orgullosa do equipo, aínda que perdese. Estou seguro que se a xente se vai orgullosa do equipo, non imos perder".

Asegura estar centrado única e exclusivamente no partido do domingo, non no partido do Levante do sábado 26 de agosto: "Ti sabes o que significaría gañarlle un só punto ao Real Madrid de autoestima para todo o Club, de autoestima para todos nós. E unha mensaxe de que este Dépor vai en serio na liga. Iso é o que lles estou metendo aos xogadores na cabeza".

Nesta liña, quere un Dépor "serio, que compita, que xere ocasións, que lles faga irse cara atrás, que lles faga preocuparse da portaría de Keylor Navas".

Confirmou que Rubén será o porteiro titular na primeira xornada de liga e referiuse a Lucas Pérez: "O presidente díxome que podo contar con el e eu non teño máis remedio que crelo, porque me demostrou que cando se propón algo, conségueo".