RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Temos un obxectivo moi claro: mellorar moitas cousas do ano pasado"

Pepe Mel manifestou esta mañá, na súa primeira rolda de prensa da Temporada 2017-2018, que "mellorar sempre ten que ser o obxectivo prioritario. A pesar da salvación e do último partido tranquilo ante Las Palmas, todo o deportivismo pensa que mellorar é unha obrigación. Pero ademais tampouco o temos tan complicado. Tentar que o equipo navegue con certa folgura, con certa tranquilidade. E é o que imos tentar facer sobre todo coas pezas que nos faltan e que nos teñen que facer mellores".

Nesta liña, subliña que "temos un obxectivo moi claro, que é o de mellorar moitas cousas do ano pasado. Temos esa débeda coa afección, esa débeda connosco. Moitas cousas que mellorar e hai que empezar desde xa".

Enumerou as posicións que el considera necesario reforzar agora mesmo no equipo: "Estamos pendentes do lateral dereito, estamos a mirar portería, non as temos todas consigo do que pase cos centrais, banda esquerda, arriba non podemos deixar un equipo en mans dun dianteiro, nunha liga tan longa e tan esixente como a española".

Coa saída de Laure e Lux, dous dos capitáns da temporada pasada, o técnico deportivista subliñou que este tema "é importante porque os capitáns nos representan a todos. Unha das cousas polas que se fan as concentracións nas que todo o grupo está xunto é a convivencia. Para min é moi importante. É algo que neste Club tempo atrás demostrouse que é vital para cando cheguen as malas, para estar todos xuntos e remar na mesma dirección. En Vilalba, que será onde esteamos todos xuntos (do 7 ao 11 de agosto), é un dos aspectos a tratar".

Explica que nesa concentración na localidade lucense, "o cadro asemellarase nun 99% ao que vai competir. E logo porque hai temas importantes para tratar, como este (da capitanía)".

Confesa que para esta pretemporada "tivemos opcións de irnos a Austria, Holanda... a competir contra equipos de fóra e a adestrar fóra de Galicia, que me parece absurdo. Non o fixemos porque esa concentración ten que ser cando o cadro se asemelle ao que realmente dispute o primeiro partido de liga".

Á parte dos internacionais Borges, Fayçal, Andone e Çolak, que se incorporarán o vindeiro mércores 12 de xullo, "quedan un mínimo de 5 xogadores por vir".

Confirma o número ideal de integrantes do cadro: "Se queremos valorar a canteira, se queremos que teña algún tipo de oportunidade, os cadros curtos é o mellor. ¿Que é curto? Eu creo que, porteiros incluídos, non máis de 23".

Preguntado sobre Lucas Pérez, Pepe Mel indicou que "o problema é que nesta negociación somos tres. E eu coñezo ben ao Arsenal porque negociei con el tres veces estando en Sevilla. O Arsenal non regálache nada, sobre todo se pagou el antes. Eu sinceramente véxoo moi difícil. Díxenlle ao Presidente que se empregue duro no plan B, que seguro que será o factible. Obviamente estamos cos brazos abertos a que veña Lucas porque nos faría ser un equipo con moitas máis cousas".