RCD / NOVAS

Primeiro amigable para Athenea del Castillo con España, mañá xoves ante Bélxica

09/06/2021 14:45

- Foto: Selección Española Femenina de Fútbol -

O Deportivo ABANCA achega esta semana dúas xogadoras á selección española absoluta e sub-19: Athenea del Castillo e Eva Dios respectivamente.

Ambas as futbolistas foron titulares no último encontro do equipo branquiazul, o pasado sábado 5 de xuño en Abegondo ante o UD Granadilla Tenerife Egatesa.

Athenea busca máis minutos de xogo ante Bélxica

A xogadora do Deportivo ABANCA Athenea del Castillo está concentrada na localidade segoviana de Los Ángeles de San Rafael con motivo de dous partidos amigables da selección española absoluta aproveitando a data FIFA deste mes de xuño.

O combinado nacional feminino mídese a Bélxica mañá xoves 10 de xuño (20:00 horas, #Vamos) no Municipal de Santo Domingo en Alcorcón no primeiro deles.

Dinamarca, o martes 15 (19:30, #Vamos) no mesmo escenario, será o segundo compromiso co combinado nacional para a atacante do Deportivo ABANCA.

A centrocampista branquiazul, que recibiu en marzo o premio Fútbol Draft de Oro 2019-2020 como interior dereita pola súa irrupción en Primera Iberdrola a pasada temporada, fixo historia o pasado 23 de outubro de 2020. No Estadio de La Cartuja de Sevilla, Athenea foi a primeira xogadora do Deportivo ABANCA en debutar na selección española absoluta, e con tan só 19 anos.

Corría o minuto 87 do encontro clasificatorio para a Eurocopa entre España e a República Checa. O partido estaba sentenciado (4-0) a favor das españolas. O seleccionador Jorge Vilda ordenou saltar ao campo a Athenea en substitución da futbolista azulgrana Mariona Caldentey.

Oito meses despois, e entremedias cun paso efémero pola selección sub-20 para uns adestramentos, Athenea regresa ao equipo nacional absoluto. As súas boas actuacións co Dépor ABANCA teñen premio.

Eva Dios, revelación da liga, consolídase na sub-19

A canteirá do Deportivo ABANCA, Eva Dios, repite convocatoria coa selección española sub-19 para uns adestramentos, que nesta ocasión teñen lugar na localidade alacantina de Alfaz del Pi até mañá xoves 10 de xuño.

A futbolista galega, unha das revelacións da Primera Iberdrola esta temporada, xa participou nunha concentración do equipo nacional o pasado mes de febreiro, aquela vez en Marbella.

Polos seus bos resultados, España quedou exenta de disputar a rolda de clasificación para o Campionato de Europa da categoría. Iso si, neste mes de xuño, en formato playoff, debe disputar o pase á fase final do mes de xullo en Bielorrusia.

Eva Dios xa sabe o que é vestir a camiseta da selección española, posto que formou parte do equipo nacional que, no ano 2018, conseguiu a medalla de bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas xordas disputado en Finlandia, sendo ademais elixida no quinteto ideal do torneo e mellor xogadora nova.

A selección española sub-19 xa contou con anterioridade con varias xogadoras do Deportivo ABANCA, como Nuria Rábano, Teresa Abelleira, Malena Mieres, Athenea del Castillo, María Méndez e Carlota Sánchez.

A pasada semana, outra canteirá do Deportivo ABANCA, Paula Novo, estivo concentrada con España sub-17, tamén en Alfaz del Pi.