RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Punto para un Dépor ABANCA que mereceu o tres en Valencia (1-1)

Após varias semanas sen competir por adiamento de partido e vacacións de Nadal, a Primeira Iberdrola regresou cun partido o día de Reis para o Dépor ABANCA en Valencia. Para esta estrea do ano, Manu Sánchez apostou pola continuidade no equipo excepto en dúas posicións, a portería co regreso de Misa e o centro da zaga onde Villegas substituíu a Laura, respecto ao último partido xogado contra o Madrid CFF.

O choque comezou con ambos os equipos ben asentados sobre o campo e unha falta lateral na esquerda cometida sobre Athenea. Alba púxoa en xogo pechada o que obrigou á gardameta local, María Pi, a meter a man para desviar a córner, lanzado sen consecuencias. Un centro de Carol e remate de Alejandra que non chegou a conectar mentres as locais pedían penalti foi a resposta minutos despois do Valencia.

A propia Alba tivo a segunda ocasión do partido nunha boa xogada por banda dereita de Cris, que deixou para Peke. A dianteira vasca revolveuse na área para deixar o balón atrás e que Merino golpease desde fóra da área un balón que atopou a cabeza das defensoras locais. Aínda que as dúas mellores tívoas Gaby. A primeira após combinar con Tere e recoller o rexeite dentro da área para acabar disparando desviado. Máis clara foi a segunda a dez do descanso, cun balón picado en profundidade desde o centro do campo que a dianteira venezolana recibiu en carreira. No man a man coa porteira local, Pi sacou unha perna de gardameta de balonmán para evitar o gol.

Entre medias, e con outra ocasión para Peke que disparou cruzado, a Valencia tivo a súa oportunidade máis clara nunha contra tres para tres que Bonsegundo finalizou raso para que Misa atallase ben.

Con empate a cero pero con superioridade en xogo e ocasións do Dépor chegouse ao descanso en Paterna.

O Dépor ABANCA buscou a portería da Valencia desde o mesmo reinicio do partido. Dúas chegadas seguidas deron paso a un córner favorable ao Valencia. Unha gran contra, tanto no arranque na frontal da área para afastar o perigo, como na construción no centro do campo, acabou nun bo pase en profundidade para a carreira de Nuria que ao pisar área rival xogou en horizontal para servir en bandexa o gol a Peke. Non se chegou ao minuto 50 e o marcador pasaba a reflectir o que se estaba vendo no campo.

O gol en contra animou ao Valencia que gozou dos seus mellores minutos asediando ao Dépor até conseguir o empate no minuto 74 noutra gran xogada táctica, que acabou en balón en profundidade cara a Alejandra Serrano que encarou con seguridade a Misa para batela polo pau curto. Antes a propia Alejandra, e Peke, a mellor xogadora do partido, probaran fortuna e disparado desviado sobre as porterías rivais.

O dez minutos previos ao gol do Valencia foron os únicos nos que o Dépor ABANCA viuse sometido. Antes e despois o xogo e as ocasións foron eminentemente branquiazuis. Dous puideron cambiar o signo final do encontro: unha contra persoal de Athenea no 81, que non puido definir e, sobre todo, un xogadón persoal de Peke que no 87 gañou liña de fondo. Desde aí foi capaz de deixar o balón atrás e asistir a Gaby que a porta baleira, pero forzada no remate, non puido orientar o disparo para sentenciar o partido.

A última tívoa a Valencia nunha inexistente falta, fóra da área e de tempo, que Sandra mandou alta para pór a firma a un partido que escribiu para gañar, de principio a fin cun pequeno borrón, o Deportivo ABANCA.

Valencia CF Feminino: Pi, Beristain, Calligaris, Cubedo, Bea Beltrán (Flore, min. 72), Paula Guerrero, Gio Carreras (Mari Paz Vilas, min.64), Sandra, Bonsegundo (Coleman, min. 88), Carol e Alejandra.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Villegas, Nuria, Alba Merino, Iris, Teresa, Athenea, Peke e Gaby.

Goles: 0-1 Peke (min. 49); 1-1 Alejandra Serrano (min. 74)

Árbitro: Martínez Madrona (c. Murciano). Amoestou a Carol (min. 45) e Teresa (min. 83).

Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga Iberdrola deputado no Estadio Antonio Puchades da Cidade Deportiva de Paterna.