RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

R, novo patrocinador do Deportivo de LaLiga Genuine

Tino Fernández, presidente do Real Club Deportivo e máis Alfredo Ramos, director xeral de R, anunciaron esta mañá no Estadio Abanca-Riazor o patrocinio de R ao Dépor de LaLiga Genuine. Co devandito acordo, o operador galego de comunicación convértese, durante as temporadas 2018-2019 e 2019-2020, en patrocinador deste conxunto do Deportivo que xoga na competición de equipos do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual) organizada por LaLiga.

R estará presente, ao longo de ambas as dúas campañas, en todos os partidos amigables ou oficiais que xogue o conxunto Deportivo Genuine, organizados polo Real Club Deportivo ou pola Fundación do club, na Cidade Deportiva de Abegondo, e tamén nos adestramentos nese campo e máis no da Cidade Deportiva da Torre.

Así, o patrocinio traducirase, entre outras accións, na presenza do logo de R no equipamento dos xogadores e do equipo técnico tanto nos encontros que dispute o Genuine coma nos adestramentos e actos nos que leven a indumentaria do club. Así mesmo, a marca do operador galego vai figurar na web do Deportivo e no videomarcador da Cidade Deportiva de Abegondo.

O presidente Tino Fernández salientou que “novamente, como os demáis patrocinadores principais do Club, unha marca de gran prestixio da nosa comunidade e pertencente a un grupo importante a nivel nacional, vencéllase ao Dépor. Neste caso R faino a través dunha das actividades máis ilusionantes de cantas puxemos en marcha nos últimos 5 anos. Participar neste proxecto de LaLiga é unha satisfacción enorme para todos os que formamos o Deportivo por todo o que transmite, algo que imos vivir máis de cerca e con máis intensidade se cabe esta fin de semana coa chegada da competición á Cidade Deportiva de Abegondo”.

Pola súa banda Alfredo Ramos, director xeral de R, expresou a súa satisfacción polo feito de que “R sexa a marca elixida polo club coruñés para patrocinar o Deportivo Genuine. Este acordo -engadiu- resume perfectamente a nosa aposta compartida polo deporte, pola integración social e por valores tan importantes coma os que transmite o deporte.”

LaLiga Genuine vencella fútbol e integración social e comezou a súa andaina da man de LaLiga a pasada tempada. Trátase dunha competición formada por conxuntos do colectivo DI (persoas con Discapacidade Intelectual), na que ademais da suma de puntos polos resultados deportivos, para que prime a deportividade, todos os clubs contan, ademais, cada xornada, cunha serie de puntos que premian o xogo limpo. A competición ten lugar en diferentes sedes ao largo da tempada, e esta fin de semana chega por primeira vez á Coruña, coa participación de 15 equipos na Cidade Deportiva de Abegondo o sábado todo o día e o domingo pola mañá. Unha festa do fútbol na que o fútbol non é o máis importante.

O equipo deportivista, composto por 28 xogadores, formouse a pasada temporada coa colaboración da Asociación Down Coruña, Aspronaga, Fundación Adcor, Aspaber, Aspanaes, Aspadisol e Fundación Abrente. Ademáis de adestrar dous días á semana nas instalacións da Torre e Abegondo participan nos actos sociais do Club como calquera outro equipo, o que supón unha especial motivación para os membros do equipo e das asociacións, que atoparon a través deste proxecto unha potente ferramenta de visibilización e integración social.

Todos os membros do equipo, xunto aos seus familiares, participaron esta mañá no acto de presentación no Estadio.

R, novo patrocinador do Deportivo, é o operador de telecomunicacións de Galicia que ofrece servizos de internet de alta velocidade, televisión dixital e telefonía fixa e móbil, é a opción preferida nos fogares e empresas da comunidade alí onde ten despregada a súa rede de fibra óptica. R chega na actualidade a 116 municipios galegos e xera uns 200 postos de traballo directos e arredor de 1.200 indirectos. Conta con licenza propia de 4G e a rede wifi gratuíta máis grande de Galicia, e acumula a día de hoxe un investimento de preto de 1.300 millóns de euros. Actualmente dispón de 7 centros principais de operacións que lle dan cobertura a preto dun millón de fogares e empresas. Dende hai tres anos forma parte do Grupo Euskaltel, xunto con Euskaltel e Telecable, o grupo de cable líder do Norte de España.