RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Salva Ruiz: "Somos conscientes que temos que traballar e mellorar porque o equipo ten capacidade para asumir o camiño do ascenso"

Salva Ruiz compareceu esta mañá en rolda de prensa en Abegondo.

Sobre a saída de Fernando Vázquez, o lateral deportivista comentou que "sempre é duro que se vaia un adestrador e máis polo que representa Fernando Vázquez para o deportivismo e para o vestiario en si. Día a día transmíteche esa paixón, esas ganas de adestrar; e máis ao Deportivo da súa vida. O vestiario asume a súa parte de culpa por non poder levar a cabo as ideas que quería o míster. Estámoslle moi agradecidos por todo o que nos ensinou e por todo o que nos transmitiu".

Respecto da chegada de Rubén de la Barrera, conta que "de momento foi bastante breve. Só tivemos unha sesión. Foi moi intenso, moi dinámico e transmitiunos sobre todo esas ganas de ser dominantes, de levar a cabo as nosas ideas e que nos partidos ocorra o que nós queiramos que ocorra e non o que o rival preparase".

Desvela que foi "insistente en meternos na cabeza que temos que dominar os partidos, levar ao noso terreo os partidos, as nosas ideas. Durante o adestramento non parou de dar indicacións técnicas e futbolísticas. Como temos pouco tempo tentou dar unha pincelada das dúas cousas".

Promete o defensor deportivista que "imos facer todo o posible para que pronto se vexa xa as ideas que quere o míster. Desde o primeiro día tentou transmitir todas as ideas que puido e vainos dando pinceladas do que quere. Queda pouco tempo e temos que facelo máis rápido do normal, pero é algo que sempre pasou no fútbol".

Non atopa explicación Salva Ruiz ás lesións que sofre o equipo: "Téntase buscar un porqué tanto nos Servizos Médicos como no vestiario. Pero eu creo que tamén é parte desta temporada un pouco estraña, empezando pola pretemporada un pouco máis longa do normal; o parón dun mes en Nadal e todo o que rodea a esta liga fóra do común. Todo iso axuda a que ocorrese esta serie de lesións. Espero que se recuperen todos os compañeiros e non se volvan a acumular tantas lesións como nestes días".

Cre que é "moi importante" gañar xa este domingo 17 de xaneiro no Helmántico ao Salamanca CF UDS (16:00 horas, Footters): "O noso obxectivo é o liderado, o ascenso. Despois de dúas derrotas consecutivas deixando aparte que teñamos un míster novo, é importante gañar. Contando o de Copa son tres derrotas e é algo que o vestiario ten ganas de cambiar, de empezar unha dinámica positiva".

Precisamente do conxunto salmantino, Salva Ruiz advirte que "non tivemos moito tempo para falar. O míster centrouse un pouco máis en nós, nas nosas ideas de xogo. É verdade que cambiaron moitos xogadores, que van tentar cambiar todo porque están pechacancelas. Eles necesitan moito a vitoria e vai ser un partido moi duro. Xa nos custou moito aquí en ABANCA-RIAZOR e seguro que será complicado o domingo".

Finalmente, entende as críticas ao cadro: "A xente sempre esíxeche o mellor. Nas últimas semanas non estivemos ao nivel que requiría a situación, perdemos o liderado. Somos conscientes de que temos que traballar e mellorar para dar o mellor de nós mesmos porque o equipo ten capacidade para asumir o liderado e logo o camiño do ascenso".