RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär foi titular esta noite no triunfo de Suíza ante Andorra

Dous xogadores do RC Deportivo teñen partido internacional hoxe xoves 31 de agosto: Fabian Schär esta noite e Fede Valverde esta próxima madrugada en España.

Mañá venres a quenda é para Celso Borges (en Estados Unidos), Tytoń (en Dinamarca) e Andone (en Bucarest fronte a Armenia).

Schär foi titular con Suíza ante Andorra

O central deportivista Fabian Schär foi titular no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

O defensor branquiazul xogou o noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.

Os suízos, con 21 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 18 puntos.

O domingo 3 de setembro (20:45 hora local), Suíza visitará á pechacancelas de grupo, Letonia, en Riga.

Uruguai, con Fede Valverde, ante Arxentina

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os próximos encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste deberá enfrontarse a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o mozo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20, na que Uruguai alcanzou as semifinais.

A selección de Uruguai deberá enfrontarse a Arxentina en Montevideo hoxe hueves 31 de agosto (20:00 hora local, 1:00 da madrugada do venres 1 en España). O encontro xogarase no Estadio Centenario.

O martes 5, os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores del Chaco de Asunción, a capital do país.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica. Os catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.

Tytoń, con Polonia, mañá venres ante Dinamarca

A meta deportivista Przemysław Tytoń foi citado para o Dinamarca - Polonia de mañá venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague (20:45, hora local) e o Polonia - Kazajistán do luns 4 no Estadio Nacional de Varsovia (20:45, hora local).

Ambos os choques, nos que participará o porteiro deportivista, son clasificatorios para o próximo Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 16 puntos, con 6 de vantaxe sobre Montenegro.

Estados Unidos, rival mañá venres de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, terá dous complicados rivais na carreira cara ao Mundial de Rusia 2018.

Asi, mañá venres 1, a selección costarriqueña visita a Estados Unidos, en choque que se disputará no Red Bull Area de Harrison (Nova Jersey, 18:55, hora local, 00:55 da madrugada do sábado 2 en España).

O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada do mércores 6), un dos favoritos para clasificarse para a cita mundialista.

Andone medirase sen marxe de erro a Armenia e Montenegro

A Selección Romanesa conta con Florin Andone para dous partidos oficiais, clasificatorios para o Campionato do Mundo de Rusia 2018.

Así, mañá venres 1 de setembro, Romanía mídese a Armenia no National Area da capital Bucarest (21:45, hora local); e o luns 4, o combinado romanés visita a Montenegro nun choque que se xoga no Podgorica City Stadium de Podgorica (20:45, hora local).

Os romaneses teñen pouca marxe de manobra, posto que marchan cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 6 puntos, a 10 de distancia do líder Polonia; e a 4 puntos da segunda praza, que daría opción a xogar a repesca, en poder agora mesmo de Montenegro.