RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seis xogadoras do Dépor ABANCA foron titulares hoxe con España sub-20 e con Venezuela

- Foto: @FVF_Oficial -

O Deportivo ABANCA concluíu unha semana de parón ligueiro en cadro, posto que un total de 8 futbolistas do primeiro equipo estiveron coas súas respectivas seleccións nacionais: Misa, Noelia Villegas, Athenea, Teresa Abelleira, María Méndez, Kika, Michelle Romero e Gaby.

España sub-20, con Athenea, Teresa e María Méndez, imponse a Francia

- Foto: @SeFutbolFem -

Athenea del Castillo, Teresa Abelleira e María Méndez están concentradas coa selección española sub-20 na localidade murciana de San Pedro del Pinatar até mañá domingo 10 de novembro.

O combinado nacional disputou nas instalacións do Pinatar Arena Football Center dous encontros amigables.

Hoxe sábado, o rival de España foi Francia, á que derrotou (2-0), coas 3 xogadoras do Dépor ABANCA no once inicial. María Méndez xogou todo o partido; mentres que Teresa e Athenea foron substituídas na recta final.

No primeiro partido, fronte a Rusia, tamén gañaron (2-0) as españolas, con Teresa Abelleira, María Méndez e Athenea titulares. Ademais, María anotou o segundo tanto da selección.

Neste encontro, Teresa e María Méndez xogaron 75 minutos; e Athenea estivo os 90 minutos no campo.

Os resultados de España foron estes:

Xoves 7 de novembro
ESPAÑA 2 - RUSIA 0

Sábado 9 de novembro
ESPAÑA 2 - FRANCIA 0

Só o FC Barcelona, con 4 xogadoras, supera a achega do Dépor ABANCA nesta lista de 21 futbolistas citadas polo seleccionador nacional Pedro López.

Athenea, Teresa e María Méndez coincidiron no combinado nacional sub-19 durante o pasado mes de xullo, cando alcanzaron as semifinais do Campionato de Europa disputado en Escocia. Esa posición outorgou ao equipo español un dos 4 billetes da UEFA para a próxima Copa do Mundo sub-20, que terá lugar en Nixeria entre os días 3 e 22 de xullo de 2020.

Igualada de Venezuela con Gaby, Kika e Michelle Romero no once inicial

As deportivistas Kika, Gaby e Michelle Romero están concentradas en Roma (Italia), desde o pasado luns 4 ao martes 12 de novembro.

A selección exercítase nas instalacións do Hotel Mancini Park baixo a supervisión de Pamela Conti, Directora Técnica do combinado venezolano.

Hoxe sábado, Venezuela enfrontouse ao equipo feminino do SSC Napoli (1-1), no Centro Sportivo Simpatía pertencente ao club ASD Pianura.

Kika, Gaby e Michelle Romero foron titulares nun encontro no que foi precisamente Gaby a goleadora da 'Vinotinto'.

O pasado xoves, as venezolanas disputaron un primeiro amigable ante o AS Roma, conxunto que milita na máxima categoría do fútbol italiano, no estadio Tre Fontane da capital transalpina.

Caeu Venezuela (4-2), nun partido con minutos de xogo para as 3 futbolistas do Deportivo ABANCA. Gaby e Michelle Romero saíron de inicio na primeira metade e Kika xogou a segunda parte.

Misa e Noelia Villegas participaron na primeira concentración da selección española absoluta promesas

María Isabel Rodríguez 'Misa' e Noelia Villegas, xogadoras do Deportivo ABANCA, foron incluídas por Montse Tomé na primeira citación da historia da selección española absoluta promesas, un combinado entre a sub-19 e a absoluta.

O funcionamento é o dun primeiro equipo e un filial, tendo sesións de adestramento simultáneas, podendo disputar partidos de adestramento entre ambas as seleccións.

A porteira e defensa branquiazuis formaron parte dunha lista de 18 futbolistas que traballaron na Ciudad del Fútbol de Las Rozas desde o martes 5 ao pasado xoves 7 de novembro.

Precisamente o xoves, a selección absoluta promesas enfrontouse á absoluta nun encontro de 60 minutos de duración. O equipo A impúxose por 3-2 ao B, no que as 2 deportivistas formaron de inicio disputando o primeiro tempo.

No curriculum de Misa coas diferentes seleccións españolas hai un título Europeo sub-19 e unha participación nun Mundial sub-20, en 2018, no que alcanzou o subcampeonato.

Pola súa banda, Villegas acudiu a diversas sesións de adestramento das seleccións nacionais sub-16, sub-17 e sub-19, aínda que non chegou a disputar partidos oficiais con ningunha delas.