RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Severo correctivo no Juegos Mediterráneos (4-0)

O Deportivo caeu na súa visita á UD Almería, que asestou un severo correctivo ao cadro branquiazul grazas, en gran medida, á súa total efectividade na primeira metade, con dous goles noutros tantos disparos.

Fernando Vázquez, adestrador deportivista, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou en ABANCA-RIAZOR ante o CD Lugo. Ambos foron no dobre pivote, de onde saíron Álex Bergantiños e Vicente Gómez para que entrasen Gaku Shibasaki e Uche Agbo.

O partido comezou con mal pé para o Deportivo, que no minuto 7 perdeu a Bóveda por un problema muscular. Fernando Vázquez deu entrada a Hugo Vallejo no lateral dereito. Só 5 minutos despois, o primeiro disparo do partido acabou en gol. Darwin Núñez punteou un centro desde a dereita do ataque local, o balón rebotou no pé dereito de Montero e volveu caer ao dianteiro uruguaio, que desde preto fusilou a Dani Giménez.

O Deportivo tivo bastante máis posesión de balón que o seu rival na primeira metade pero careceu de profundidade. A mellor ocasión branquiazul chegou nunha boa xogada pola esquerda, con centro de Emre Çolak que desviou o porteiro Fernando cando Sabin Merino se aprestaba a rematar. Un disparo afastado e desviado de Uche Agbo no minuto 26 e outro de Aketxe que acabou en saque de esquina no minuto 44 foi toda a bagaxe ofensiva do cadro coruñés.

Antes, a UD Almería ampliou a súa vantaxe no marcador. Ao fío da media hora, Corpas internouse pola dereita do ataque almeriense, cedeu cara ao centro para Balliu que desbordou a Peru Nolaskoain e definiu cun suave disparo preto do pau esquerdo da portería deportivista. Máxima efectividade a do conxunto almeriense, que marcou dous goles en dous disparos.

O equipo branquivermello regresou dos vestiarios coma se fose perdendo, coma se quixese asestar rapidamente un golpe definitivo ao partido. Fran Villalba ameazou no minuto 48, cun disparo raso desde a frontal da área que Dani Giménez desviou a córner. Aínda que o Dépor respondeu pronto, cunha volea de Mollejo, o 3-0 chegou de inmediato, no minuto 53. Corpas estrelou unha pelota no pau despois de que Dani Giménez metese a man providencialmente, pero o rexeite caeu a Juan Muñoz, que disparou cruzado ao fondo das mallas.

Con semellante desvantaxe no marcador, o conxunto herculino viuse noqueado por uns momentos aínda que pronto volveu facerse coa pelota e a dominar con maior intensidade. A entrada de Mamadou Koné deu outro aire ao ataque deportivista. O marfileño primeiro tratou de sorprender ao porteiro local cun zurdazo afastado. Despois desfíxose de todos os seus rivais no extremo esquerdo e meteu o balón na área para Beauvue, que rematou de volea á media volta, moi por riba do portal almeriense.

Nos minutos finais, os branquiazuis puideron maquillar o marcador. No 87, Aketxe estrelou o balón no traveseiro despois outra gran acción de Koné, esta vez pola dereita. O disparo do vasco desviouno o xusto o porteiro local para evitar o tanto. Un minuto máis tarde, o mediapunta, con todo a favor, rematou fóra un pase da morte, de novo, de Koné.

O Deportivo non aproveitou as súas ocasións e co que se atopou foi co 4-0. Cando se cumpría o minuto 90, Darwin Núñez si aproveitou o pase da morte de Corpas desde o extremo dereito.

Con esta derrota, o equipo branquiazul continúa con 35 puntos, os mesmos que Real Oviedo e Albacete, os dous primeiros equipos que se atopan fóra da zona de descenso.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda (Hugo Vallejo, min. 7), Mujaid, Peru Nolaskoain, Montero, Mollejo, Gaku Shibasaki, Uche Agbo, Aketxe, Sabin Merino (Beauvue, min. 46) e Emre Çolak (Koné, min. 68).

UD Almería: Fernando, Balliu, David Costas, Maraš, Martos, De la Hoz, Vada (Aguza, min. 65), Corpas, Juan Muñoz (Appiah, min. 73), Fran Villalba (Enzo Zidane, min. 80) e Darwin Núñez.

Goles: 1-0 Darwin Núñez (min. 12); 2-0 Balliu (min. 29); 3-0 Juan Muñoz (min. 53); 4-0 Darwin Núñez (min. 90).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Peru Nolaskoain (min. 45+1), Mollejo (min. 63) e Fran Villalba (min. 78).

Incidencias: partido da 31ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio de los Juegos Mediterráneos ante 9.116 espectadores.