RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos un gran equipo, un gran grupo humano. E iso vese cada fin de semana na cancha", sostén Fede Cartabia

Fede Cartabia subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "tampouco hai que volverse tolo" por estar en postos de ascenso directo, concretamente en segunda posición, só superados polo AD Alcorcón. "Quedan moitos partidos. Está todo moi apertado", conclúe.

Esta situación, con varios equipos en moi poucos puntos nos postos de cabeza, non lle sorprende: "Sabiamos que habería varios equipos metidos na pelexa co mesmo obxectivo. Hai varios cadros moi bos. Agora meteuse o Alcorcón cun traballo de Cristóbal Parralo moi bo. Felicitámoslles desde acá porque é un equipo que traballa moi ben. Hai varios equipos que van estar até o final, moi apertados. Hai que estar listos para todo, para tentar non fallar, seguir na liña na que seguimos e traballar".

Por este motivo, o atacante arxentino cre que "o importante é estar aí, non afastarse dos postos de ascenso directo. Contento polo grupo, polo traballo que vimos facendo. Gozamos do día a día".

Advirte de que "a clasificación non di que somos o mellor equipo da categoría. Temos un gran equipo, un gran grupo humano. E iso dentro da cancha vese cada fin de semana. Trataremos de ser o mellor equipo na xornada 42. Aí direiche se fomos o mellor equipo ou non".

Do sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Osasuna, destacou que foi "unha cancha difícil. Soubemos adaptarnos ao que foi, moita choiva, moita auga. Por sorte levámonos os 3 puntos".

A nivel persoal, está "contento. Levo varias semanas adestrando ben co grupo. Cada vez síntome moito mellor. Tentar agora seguir esa liña".

Despois de actuar nos dous últimos partidos por detrás dos dianteiros, como mediapunta, Fede Cartabia recoñece que "quizais polo tipo de xogo que facemos poida que sexa máis cómodo para min estar de mediapunta. Tocoume de xogar en punta e tamén estiven cómodo, con acertos e erros".

Insiste en que está satisfeito "por volver sentirme útil despois de dous meses lesionado e non poder axudar ao equipo. Agora tentarei seguir esa liña, seguir traballando para seguir crecendo, que eu quero seguir crecendo".

Non se ve como un xogador diferencial en LaLiga 1|2|3: "Son un máis como os meus compañeiros. Traballo día a día para mellorar e estar acá para poder axudar con todo o que estea ao meu alcance. Teño que estar centrado e saber que son un máis. Xa o viron, tocoume non xogar e non pasa nada".

Sobre o partido ante o Rayo Majadahonda, rival do Dépor, este domingo 2 de decembro no Cerro del Espino (12:00 horas, LaLiga 1|2|3), Cartabia recoñece que "prefeririamos xogar no Wanda Metropolitano", escenario onde até a data disputou os seus encontros ligueiros o equipo rayista. "Tócanos xogar nesa cancha, eles tamén van xogar o seu primeiro partido. É un equipo que xoga moi ben ao fútbol, difícil. Tentaremos ir a polos 3 puntos que nos fan falta para seguir crecendo. Temos que mellorar nese aspecto, de gañar algún partido máis fóra de ABANCA-RIAZOR. Iremos coa nosa idea", engade.