RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Trilli e Hugo Novoa clasifícanse con España para a final da Aegean Cup

- Foto:@SeFutbol -

#ANOSACANTEIRA conta esta semana con presenza de 4 xogadores en diferentes categorías inferiores da selección española: Juan Rodríguez, Trilli, Hugo Novoa e Carlota.

Trilli e Hugo Novoa, á final da Aegean Cup en Turquía

O Deportivo achega dous futbolistas á selección española sub-16, que participa na Copa Aegean na cidade turca de Esmirna: os cadetes Trilli e Hugo Novoa.

España quedou encadrada no grupo B, con Rusia, Albania e Macedonia.

Hoxe xoves 17, España impúxose (3-2) a Rusia no último encontro da Primeira Fase. Ibrahim Cámara -2- e Israel Salazar foron os goleadores españois. Hugo Novoa saltou ao campo no minuto 63 en substitución de Miguel Rodríguez; e Trilli esta vez seguiu o choque desde o banco.

Con este resultado, a selección española logra a primeira praza do grupo B e, por conseguinte, a clasificación para a gran final, este sábado ante a anfitrioa, Turquía.

O pasado martes, os españois, esta vez con Trilli e Hugo no once inicial, superaron (2-0) a Macedonia con tantos de Bruno Iglesias e Israel Salazar. Os dous canteiráns branquiazuis xogaron completo o encontro.

O primeiro rival da selección española sub-16 foi o pasado luns Albania, á que a 'rojita' derrotou (1-0), con gol de David Vilán.

Houbo tamén presenza deportivista, pero nesta ocasión na segunda metade. Trilli substituíu no minuto 61 a Rubén Iranzo; e Hugo Novoa saltou ao céspede no minuto 74 en substitución de Miguel Rodríguez.

O calendario de partidos da selección, todos nas instalacións de Altinordu FK Meti Oktay Tesisleri, é o seguinte:

Primeira Fase
Luns 14 de xaneiro
ESPAÑA 1 - ALBANIA 0

Martes 15 de xaneiro
ESPAÑA 2 - MACEDONIA 0

Xoves 17 de xaneiro
ESPAÑA 3 - RUSIA 2

Sábado 19 de xaneiro
Final
15:00 (13:00 hora peninsular): TURQUÍA - ESPAÑA

Carlota disputa mañá venres a final do Torneo do Atlántico

A xogadora do Deportivo ABANCA Carlota Sánchez está convocada pola selección española sub-17 no Torneo do Atlántico en Santa Cruz de Tenerife.

Deste xeito, Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.

Mañá venres 18, España xogará a final do trofeo ante Canarias, ás 19:30 (hora local, 20:30 na Península).

A selección enfrontouse onte mércores a Eslovaquia nunha das semifinais.

As españolas venceron claramente (3-0), nun partido no que sobresaíu Carlota: gol maxistral de volea e asistencia. Foi relevada no minuto 64 por Ascensión Martínez.

O calendario de partidos da selección é o seguinte:

Semifinal
Mércores 16 de xaneiro
ESPAÑA 3 - ESLOVAQUIA 0

Final
Venres 18 de xaneiro
19:30 (20:30 hora peninsular): ESPAÑA - CANARIAS

Todos os encontros teñen lugar nas instalacións do Centro Insular de Atletismo.

Juan Rodríguez xogou a segunda metade fronte a Italia coa sub-17

Juan Rodríguez Lima, que pertence ao cadro do Xuvenil B de Liga Nacional, foi citado pola selección española sub-17 para un amigable ante a poderosa Italia, subcampioa de Europa da categoría.

O choque disputouse onte mércores 16 de xaneiro no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada.

Os españois gañaron (1-0) e Juan Rodríguez xogou a segunda metade. Relevou a José Martínez no descanso.