RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un bo Dépor non puido deixar o Teresa Herrera en casa (1-2)

A SD Ponferradina levou o LXXVI Trofeo Teresa Herrera ante un bo Deportivo, que sobre todo deu mostras de equipo veloz e intenso nunha media hora final na que tratou de dar a volta aos goles visitantes, que chegaron ao final da primeira parte e ao comezo da segunda.

O partido comezou con ambos os equipos querendo monopolizar a posesión, con moi pouca verticalidade, e tratando de axustar e precisar os seus automatismos ofensivos.

Por iso foron poucas as ocasións de gol no primeiro tempo. A primeira quizá foi a máis clara, no minuto 7, cando un erro na saída do balón da zaga visitante deixou a Menudo en tres cuartas parte de campo con todo o tempo e espazo do mundo para encarar a Amir. Con todo, o mediapunta sevillano decidiu tratar de sorprender ao adiantado porteiro berciano cun golpeo ao primeiro toque cara á súa esquerda. Amir reaccionou rápido e puido evitar o tanto.

A SD Ponferradina non lanzou un balón cara á portería de Ian Mackay até o minuto 20, nunha falta afastada de José Naranjo que se perdeu pola liña de fondo pero moi preto do pau dereito. O equipo visitante comezou a presionar máis arriba e a chegar con algo máis de claridade nos minutos finais do primeiro período. Primeiro nun contragolpe que finalizou Edu Espiau cun dereitazo cruzado preto do pau dereito do marco defendido por Mackay. Despois, nunha cabezada de Yuri que tamén se foi á dereita da portería coruñesa. O terceiro aviso abriu o marcador. No minuto 43, Edu Espiau remachou ante a saída de Mackay unha deixada de cabeza de José Naranjo após un medido centro desde a dereita de Ríos Reina.

Se o primeiro período acabou mal para o Dépor, o segundo comezou peor, posto que José Naranjo abriu maior brecha no marcador no minuto 51. O extremo andaluz empuxou en boca de gol un servizo desde a dereita de Dani Ojeda.

O Dépor imprimiu unha marcha máis ao seu fútbol na media hora final. A velocidade e habilidade de William, o traballo de Miku, as chegadas de ambos os laterais, Trilli e Héctor, até a liña de fondo... O equipo branquiazul desbordaba por todas as frontes, aínda que tampouco era capaz de xerar remates claros. En numerosas ocasións estes non chegaron por centímetros.

A mellor acción produciuse no minuto 66 e serviu para recortar distancias. Álex Bergantiños atopou en profundidade polo extremo dereito a Quiles, que ao primeiro toque puxo un balón perfecto ao corazón da área para a chegada desde atrás de Miku, que fusilou ao gardameta berciano.

Un Dépor máis vertical e intenso buscou ver porta de novo por todos os camiños, coa intención de levar a definición do trofeo á quenda de penaltis. Pero a pesar dos disparos de William, ou de Noel ou Yeremay, os campións de España xuvenís que debutaron en ABANCA-RIAZOR no cuarto de hora xunto ao titular Trilli, non foi posible.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Pablo Trigueros (Borja Granero, min. 70), Jaime (Lapeña, min. 60), Héctor Hernández (Aguirre, min. 60), Diego Villares, Álex Bergantiños (Josep Calavera, min. 70), Rafa de Vicente (William, min. 46), Menudo (Yeremay Hernández, min. 80), Miku (Noel, min. 80) e Quiles (Keko, min. 70).

SD Ponferradina: Amir, Iván Rodríguez (Paris Adot, min. 72), Amo, Copete (Adrián Castellano, min. 85), Ríos Reina, Dani Ojeda, Agustín Medina (Saúl Crespo, min. 85), Erik Morán (Pascanu, min. 72), José Naranjo (Pujol, min. 78), Edu Espiau (Kaxe, min. 72) e Yuri (Juan Becerra, min. 85).

Goles: 0-1 Edu Espiau (min. 43); 0-2 José Naranjo (min. 51); 1-2 Miku (min. 66).

Árbitro: Pastoriza Iglesias (c. galego). Cartón amarelo a Agustín Medina (min. 36), Lapeña (min. 64) e Erik Morán (min. 69).

Incidencias: partido correspondente ao LXXVI Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 5.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19. Alberto Quiles recibiu o Trofeo Estrela Galicia ao mellor xogador do partido.