RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un partido once contra once, tarefa principal do Dépor hoxe mércores

Un partido once contra once a todo o campo 2 de Abegondo foi a tarefa principal do Deportivo hoxe mércores. Como é habitual neste exercicio semanal, Borja Jiménez intercambiou constantemente xogadores e posicións; e parou o xogo en repetidas ocasións para corrixir e impartir instrucións.

O cadro está xa centrado na preparación táctica do seguinte partido, ante o UD San Sebastián de los Reyes en ABANCA-RIAZOR o sábado 16 de outubro a partir das 19:00 horas (Footters).

Do conxunto madrileño, Álex Bergantiños, en rolda de prensa, advirte que "é un rival que, como todo equipo que xoga en sintético, é moi diferente en casa que fóra. En casa están a ser moi fortes, moi fiables. Seguro que aquí van vir con esa sensación de pouco que perder porque xogan fóra. Veñen a ABANCA-RIAZOR, van ben na clasificación. Para eles é un partido ilusionante e loxicamente tentarán que nós non esteamos cómodos, que nos entren dúbidas e que non nos impoñamos desde o principio".

Asegura que "temos a tranquilidade e a confianza de tentar saír fortes como fixemos en todos os partidos e tentar adiantarnos en casa e facer un partido como os que fixemos en ABANCA-RIAZOR. Sempre nas primeiras partes estivemos moi ben e non creo que teña que cambiar nada. Temos que ir con esa tranquilidade de sentirnos en casa, de sentirnos fortes e de facer un bo partido para conseguir os tres puntos".

Trilli realizou a primeira parte da sesión co grupo, segundo estableceron os Servizos Médicos. Álex comentou sobre o canteirán que "se está enfrontando á súa primeira lesión deste tipo. Está nese proceso de coller sensacións, de recuperarse ben mentalmente, fisicamente. Ao final son cousas novas e teñen os seus procesos. El está tranquilo, adestrando parcialmente connosco ou co readaptador. O máis importante destas situacións é non precipitar as cousas. Cando estea preparado e recuperado plenamente volverá ser un máis. E mentres hai que darlle o seu tempo ata que o seu corpo e as súas sensacións sexan as mellores".

Ademais traballaron á marxe Pablo Trigueros, Valín e Alberto Benito, que estará os próximos días con adestramento específico debido a unhas molestias na rexión inguinal esquerda.

Hoxe estreouse co primeiro equipo o lateral coruñés José Currás, que chegou ao Fabril esta temporada procedente do Bergantiños CF. Alberto, Yeremay, Juan Rodríguez e Noel completaron a representación de #ANOSACANTEIRA.

Mañá xoves, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas. Antes, o cadro reunirase para almorzar ás 9:00.