RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un triunfo dos que valen máis que 3 puntos (2-1)

O Deportivo volveu gañar en LaLiga SmartBank após catro meses e un día sen facelo, nun partido ante o CD Tenerife de desenlace infartante. Após adiantarse nunha gran primeira metade e encaixar o tanto do empate ao fío do minuto 90, os branquiazuis quedaron os 3 puntos grazas a unha cabezada de Peru Nolaskoain no último segundo do partido.

Luis César, preparador branquiazul, realizou até seis trocos na aliñación con respecto á que presentou a pasada fin de semana en Ponferrada. Saíron do equipo Mujaid, Somma (sancionado trala súa expulsión en El Toralín), Luis Ruiz, Álex Bergantiños, Jovanović e Borja Galán e entraron no mesmo Bóveda, Montero, Salva Ruiz, Aketxe, Mollejo e Christian Santos.

Após uns primeiros minutos de tenteo, o Deportivo gozou dunha clara primeira oportunidade, ao dispoñer dun penalti por man de Alberto, xusto sobre a liña do bordo da área, sinalado por Vicandi Garrido após ser advertido polo VAR, Arcediano Monescillo, e consultar a xogada na RRA (Referee Review Area, a área de revisión do árbitro). Aketxe lanzou a pena máxima pero Ortolá adiviñou a súa intención, lanzándose abaixo cara á súa esquerda e desviando a pelota.

Con todo, non se descompuxo o Dépor polo erro e pouco despois atopou o gol, na cabeza de Christian Santos, após un preciso centro ao segundo pau de Koné desde o extremo dereito. A cabezada do dianteiro venezolano, centrada pero moi potente e por alto, non atopou esta vez resposta no exporteiro deportivista.

A segunda metade do primeiro acto desenvolveuse cun maior control de balón por parte do Deportivo, que con todo apenas realizou disparos a portería. O máis reseñable, após unha boa acción iniciada por un cambio de orientación de Aketxe cara a Christian Santos, que devolveu a pelota ao mediapunta vasco cun centro pasado. Este deixou ao primeiro toque para a chegada desde atrás de Vicente Gómez e Bóveda, ambos a perna cambiada. O canario enganchou o coiro coa súa bota dereita pero enviouno ás nubes.

O Tenerife apenas chegou con perigo en toda a primeira metade, aínda que si colgou un par de faltas que puxeron en apertos á zaga deportivista, que con todo foi capaz de abortar o perigo evitando que Dani Giménez tivese traballo.

Coa vitoria deportivista pola mínima chegouse ao descanso, tralo cal se produciu a primeira modificación. Foi nas filas do Tenerife, onde Rubén Baraja deu entrada a Dani Gómez en lugar de José Naranjo.

Aumentou a posesión do equipo visitante, obrigado pola súa desvantaxe, nos primeiros compases da segunda metade. E iso, a pesar da presión adiantada do Deportivo, que obrigou aos tinerfeños a xogar en longo en numerosas ocasións. Non foi até o minuto 58 cando se produciu algunha acción clara de ataque nalgunha das dúas porterías. Tívoa nas súas botas Malbašić, após unha veloz internada de Luis Milla, que acabou cun potente remate do dianteiro serbio que Dani Giménez desviou a saque de esquina.

O Deportivo tivo algunha oportunidade de sentenciar o partido ao contragolpe, pero non chegou a poñer a proba a Ortolá en ningunha das saídas rápidas protagonizadas por Koné ou Jovanović após suplir ao propio marfileño. E empezou a sufrir, porque o Tenerife imprimiu unha velocidade máis ás súas posesións. No minuto 69, Elliot rematou de socato pero Dani Giménez evitou o gol poñendo o peito para sacar a pelota a córner. Tres minutos máis tarde, Dani Gómez cabeceou ao traveseiro a centro de Malbašić. E no minuto 80, Bermejo rematou fóra un centro raso de Suso Santana desde o extremo dereito.

Os minutos finais tiñan reservado un desenlace de infarto. Primeiro, porque un penalti, sinalado polo colexiado após consultar na RRA a instancias do VAR, por man de Montero, supuxo o empate cando estaba a piques de cumprirse o minuto 90. Suso Santana enganou a Dani Giménez para anotar o 1-1.

Os branquiazuis, novamente, non se descompuxeron e saíron con todo en busca do gol da vitoria. E este chegou cando se cumprían os 5 minutos de tempo engadido que sinalara o cuarto árbitro, nun saque de esquina botado con moito veleno por Aketxe ao primeiro pau e cabeceado picado con contundencia por Peru Nolaskoain. En canto o Tenerife puxo o balón en xogo desde o centro do campo, Vicandi Garrido sinalou o final do partido, manténdose a intensidade da explosión de xúbilo vivida en Riazor co gol.

Con esta vitoria, moito máis que un simple triunfo, o Deportivo rompe a súa serie sen gañar en LaLiga SmartBank e alcanza os 15 puntos á conclusión da primeira volta do campionato.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz (Luis Ruiz, min. 73), Aketxe, Peru Nolaskoain, Vicente Gómez, Mollejo (Álex Bergantiños, min. 83), Koné (Jovanović, min. 66) e Christian Santos.

CD Tenerife: Ortolá, Luis Pérez, Carlos Ruiz, Alberto, Álex Muñoz, Luis Milla, Aitor Sanz, José Naranjo (Dani Gómez, min. 46), Javi Alonso (Elliot, min. 62), Bermejo e Malbašić (Suso Santana, min. 77).

Goles: 1-0 Christian Santos (min. 21); 1-1 Suso Santana, de penalti (min. 89); 2-1 Peru Nolaskoain (min. 90+5).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Christian Santos (min. 42), Lampropoulos (min. 62), Luis Pérez (min. 73), Vicente Gómez (min. 82) e Montero (min. 90+2).

Incidencias: partido da 21ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 8.457 espectadores.