RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Unha gran segunda parte non bastou ao Dépor ABANCA para vencer ao Santa Teresa CD (1-2)

O Deportivo ABANCA sufriu unha nova derrota na Primera Iberdrola, no segundo encontro en casa desta temporada, fronte a un Santa Teresa CD que abriu brecha na primeira metade con dous goles que as branquiazuis non puideron remontar a pesar de xogar unha fantástica segunda parte.

Ainoa cabeceou un córner rozando o traveseiro aos 4 minutos, cando o Dépor ABANCA puido sacudirse a presión alta con que arrincou o partido o conxunto pacense. Por mor desa presión, o Santa Teresa CD adiantouse no marcador antes do minuto 10, cando Mascaró definiu nun man a man con Noe Bermúdez despois de recibir un pase en profundidade de Belén.

A pesar de non facerse co control do partido, as deportivistas deron un paso adiante e mediado o primeiro tempo chegaron con certo perigo aos dominios de Yolanda Aguirre. En primeiro lugar, nunha volea desde a frontal de Kika, que se marchou moi alta. En segundo lugar, nun córner directo de Villegas que se estrelou no pau da portería estremeña. Durante ese tramo apertaron as coruñesas, forzando numerosos saques de esquina. Iris rematou un deles, en segunda xogada, desde a media lúa. Aguirre detivo o coiro con seguridade. Pouco despois, Villegas, tamén na segunda xogada, rematou con dureza pero moi escorada, respondendo con seguridade a gardameta visitante.

Non acertou o Deportivo ABANCA e, á contra, golpeou por segunda vez o Santa Teresa CD. Belén atopouse man a man con Noe Bermúdez, á que recortou para marcar a porta baleira, cando maior era o dominio por parte das xogadoras branquiazuis. Durante uns instantes o segundo tanto fixo titubear ao Dépor ABANCA, pero pronto retomou o control e Gaby, despois dun avance polo centro de Helena Torres, tivo a oportunidade de acurtar distancias, pero o seu disparo foise desviado.

Manu Sánchez tentou cambiar o ritmo do choque tralo descanso, coa entrada no campo de Lady Andrade e Lía en lugar de Gaby e Kika. A partir do asubío inicial, o Deportivo ABANCA fíxose amo e señor do partido. Nada máis retomarse o xogo, Visco estivo a piques de introducir o balón na súa propia portería ao rexeitar un centro de Athenea. Pouco despois, chegou a única ocasión visitante en toda a segunda parte, nun contragolpe no que Mascaró enviou o balón fóra no cara a cara coa porteira deportivista.

Perdoou a sentenza a Santa Teresa CD e, na xogada seguinte, marcou o Deportivo ABANCA. Lady Andrade protagonizou unha gran acción individual polo extremo esquerdo e meteu o balón na área pequena, onde Helena Torres só tivo que empuxar o coiro á rede.

O dominio abafador das branquiazuis plasmouse en dúas grandes ocasións. Pouco despois do gol, Alba Merino disparou con dureza á media volta dentro a área. Aguirre respondeu como puido, desviando a córner. Dez minutos máis tarde, Iris recuperou unha pelota e conduciuna durante máis de 50 metros. A capitá herculina cedeu cara á dereita para Lía, cuxo potente remate detivo en dous tempos a gardameta rival.

O Deportivo ABANCA seguiu apertando aínda que durante varios minutos non gozou de ocasións claras, a pesar de roldar constantemente a área e meter balóns nela, con chegadas por banda de Athenea, triangulaciones entre Lady e Lía e incorporacións de ambas as laterais, convertidas en extremos durante practicamente toda a segunda metade.

A cinco minutos da conclusión, a colexiada non sinalou un claro penalti por mans de Amanda nun disparo de Lady. Xa dentro do tempo de desconto, Alba Merino gozou da mellor oportunidade para empatar, pero non puido remachar un pase atrás desde a liña de fondo de Villegas.

Deportivo ABANCA: Noe Bermúdez, Patri López (Michelle Romero, min. 85), Ainoa, Blanco, Villegas, Alba Merino, Iris, Gaby (Lady Andrade, min. 46), Kika (Lía, min. 46), Athenea e Helena Torres (Eva Dios, min. 75).

Santa Teresa CD: Aguirre, Raquel Ayuso, Van Slambrouck, Visco, Parralejo, Branca (Laaksonen, min. 89), Lordemann, Estefa, Mireya (Nayadet, min. 65), Mascaró (Tammik, min. 65) e Belén.

Goles: 0-1 Mascaró (min. 9); 0-2 Belén (min. 32); 1-2 Helena Torres (min. 54).

Árbitra: Rivera Olmedo (c. vasco). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 7), Belén (min. 22), Mascaró (min. 38), Ainoa (min. 51), Lordemann (min. 55) e o técnico deportivista Manu Sánchez (min. 88).

Incidencias: partido da 4ª xornada da Primera Iberdrola disputado a porta pechada na Cidade Deportiva de Abegondo.