RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vicente Gómez: "É anecdótico estar agora segundo na clasificación"

Vicente Gómez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Vaticina este domingo 2 de decembro ante o Rayo Majadahonda (12:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) no Cerro do Espino "un partido moi complicado ante un rival con moita desenvoltura. Moita xente que quizais non son coñecidos para o público en xeral pero son xente con experiencia no fútbol e queren facerse un nome. Co balón están a facelo moi ben e son moi intensos".

Non cre que o partido "cambie moito" ao pasar do Wanda Metropolitano, onde até a data disputou os seus partidos o equipo rayista, ao Cerro. "A temporada anterior xogaron aí e poida que mesmo se atopen máis cómodos que no Wanda", razoa.

O centrocampista canario apunta que o céspede "vai estar mal, pero ao final eu preocúpome do que está no meu control, na miña man. Non me preocupo en exceso polo céspede. Tentarei, e o equipo tentará, chegar o mellor posible e logo ser capaces de adaptarnos ás circunstancias. O partido anterior en ABANCA-RIAZOR estaba case que impracticable e fomos capaces de adaptarnos a esas circunstancias".

Advirte que o equipo "está con ganas de volver gañar" lonxe da Coruña. "O último partido foi o día do Nàstic, pero non temos alarma por eses resultados fóra. É verdade que temos sensacións que non son acordes unas con outras porque as sensacións non son boas fóra. Pero somos conscientes que somos o segundo mellor equipo fóra de casa. Estamos a facer relativamente bos números. Sabemos que se seriamos capaces de mellorar un pouquiño, podemos traducilo en ter máis puntos. Non nos preocupa pero si nos ocupa o tentar conseguir algunha vitoria máis fóra de ABANCA-RIAZOR. Os números en casa están a ser moi bos e poderíanos levar a posicións aínda máis altas", engade.

Non lle sorprenden as críticas porque "ao final todos temos un obxectivo moi ambicioso. A xente quere que o seu equipo gañe sempre. Nós tamén queremos gañar sempre pero hai que ser obxectivos. Hai que saber que como nós somos intratables tamén en ABANCA-RIAZOR moitos equipos pasan por conseguir os seus obxectivos na súa casa e cambian a súa forma de xogar".

Desexa Vicente "mellorar sensacións, porque as de Almería non foron nada boas, e traernos vitorias a ABANCA-RIAZOR".

Iso si, insiste en que "vai ser moi complicado, case imposible que o equipo xogue igual dentro e fóra, porque nin os máis grandes conségueno facer. Temos que traballar na mesma liña e logo ter algúns matices para poder contrarrestar como nos van a atacar e defender os outros equipos. Tampouco podemos cambiar. Estamos moi identificados coa idea que ten o Dépor e ao final hai que tentar levar esa idea a todos os campos e conseguir puntos".

Recalca que non está preocupado porque "vexo moito fútbol de Segunda e os equipos cando van fóra sofren moito. E ao revés, moitos equipos véñennos a xogar a ABANCA-RIAZOR e non son a sombra do que son logo no seu Estadio".

Por este motivo, ve "imposible" un mesmo Dépor na Coruña e lonxe da Coruña: "Vía ao Barça esta semana en Champions e non era o mesmo Barça no campo do PSV que... Nós somos o Dépor e con este estilo imos xogar. Podemos ter certos matices cando imos fóra porque sempre temos matices mesmo en casa segundo a forma de xogar dos outros equipos. Pero non nos imos a volver tolos porque somos o Dépor. ¿Que hai que cambiar cousas? Pois si. Non nos está valendo se cadra co que estamos a facer. Pero somos o segundo mellor equipo como visitante e tampouco hai que volverse moi tolo".

Preguntado sobre se o Deportivo é o mellor equipo da categoría, aínda que marche na segunda praza detrás do AD Alcorcón, o futbolista branquiazul opina que "se verá cando recollamos as notas a final de curso. É anecdótico estar segundo. Oxalá sexamos capaces de gañar case todo de aquí ao final, ter unha liga plácida e estar nos primeiros postos todo o ano. Pero vai ser moi complicado. Estamos contentos porque estamos a ter moitos puntos. Pero aínda estamos en decembro. Queda moitísimos partidos por diante, moitísimas xornadas".

Ten claro ademais que as rotacións no centro do campo deportivista son debidas a que "temos a 2 ou 3 xogadores por posto no cadro que calquera pode xogar. Sacas a un e pos a outro coma se fósemos pezas que podemos ir cambiando. E logo temos tantos perfís diferentes que o míster pode ver segundo rendemento ou segundo situacións de partido pode ir alternando xogadores no centro do campo".

Por este motivo, di Vicente que "aínda que as veces que estiven ben sempre xoguei. Pero se me tocase rotar, o meu obxectivo é tan grande, tan importante que por estar fóra algunhas semanas porque o míster o considera, non baixaría os brazos nin nada. O obxectivo é moi grande, tan a longo prazo que quizais algunhas semanas vai tocar saír, vai entrar outro compañeiro".