RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Víctor García sostén que acabar o ano 2021 de líderes "é anecdótico pero é un empuxón máis para seguir arriba"

Víctor García afirmou esta mañá após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de novembro que "é un pracer recibilo. Fala ben destes últimos partidos do equipo. Agradecer tamén a #ANOSAFORZA que é a que mo concedeu".

Asegura sentirse "ben" na súa nova posición de lateral dereito, "tamén grazas aos compañeiros que me fan no día a día aprender nesa posición: tanto a liña defensiva como os compañeiros de posición que teño agora neste momento. Contento, satisfeito polo traballo pero sabendo que queda moito por mellorar nesa posición e a nivel grupal tamén".

Sostén que acabar o ano 2021 no máis alto da clasificación do grupo 1º de Primera RFEF, pase o que pase no último partido en León este domingo ás 18:00 horas (Footters) é "o obxectivo do club. Está claro que vai ser anecdótico porque a liga non se termina a final deste ano pero é importante para o equipo ter a sensación de que estamos no camiño correcto e facendo un gran traballo. Vai ser anecdótico pero é un empuxón máis para seguir arriba. Tamén desde aquí quería felicitar ao Dépor ABANCA por ese liderado. Imos da man e estamos moi felices por elas".

Comprende que non puidese xogar o pasado domingo ante o Real Valladolid Promesas debido a unha penalización económica no seu contrato de cesión precisamente do club valisoletano: "Entendo a outra parte. Entendo que ao final o meu Club en propiedade non queira que compita contra eles se teñen a posibilidade de poñer unha cláusula. Impotencia de vivir o partido desde fóra do verde pero tamén felicitar aos meus compañeiros que saíron en recambio que fixeron un gran partido".

Sobre o rendemento do Dépor no que vai de liga, Víctor advirte que "somos un equipo moi versátil á hora de enfocar varios partidos. Esta fin de semana cambiamos a estrutura con máis atacantes e notouse na pegada do equipo, talvez con menos control de xogo como estabamos afeitos. É importante que o equipo mostre varias facetas e sobre todo que se adapte ben a todas elas".

Co partido de Copa do Rei ante o CA Osasuna o vindeiro xoves 16 de decembro ás 21:00 horas (Dazn) en ABANCA-RIAZOR, Víctor opina que "unha das claves deste ano vai ser a xente que participa menos. É clave esa competencia interna que hai día a día nos adestramentos e a longo prazo é o que vai facer que o Deportivo consiga os seus obxectivos. Esta semana afrontámola con moita ilusión. Volve un equipo de Primeira División a ABANCA-RIAZOR, que é algo que hai que gozar. E dese partido do domingo, gañar no último partido do ano faríanos máis felices aínda se cabe".

Do equipo navarro, lembra que "o outro día xa o vimos contra un dos mellores equipos do mundo (o FC Barcelona) competir de ti a ti. Vai ser un partido loxicamente complicado por esa diferenza de categorías, pero afrontámolo coa maior ilusión e máis se cabe sendo sendo aquí en ABANCA-RIAZOR, con #ANOSAFORZA".

Despois de descansar no último partido ligueiro, o defensor branquiazul vese "para xogar sempre. Mentres non haxa ningunha outra cláusula, tentarei estar dispoñible para o que me pida Borja Jiménez".

Finalmente, acerca da Cultural Leonesa, próximo rival en liga e que ademais ten novo adestrador, Curro Torres, afirma o futbolista valenciano en primeiro lugar que "é un gran adestrador que lle vai a achegar moitas cousas. É un equipo moi alegre a nivel ofensivo, o equipo da categoría que máis goles marcou. Nós iremos facer o noso partido, con ese plan que sempre levamos a tentar sacar os tres puntos como tentamos facer en todos os campos, xa sexa en ABANCA-RIAZOR ou fóra".