RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Vin a un equipo que quere traballar e traballa moi ben" di Krohn-Dehli do Dépor

Michael Krohn-Dehli compareceu esta mañá por primeira vez ante os medios de comunicación como futbolista do RC Deportivo, na sala de prensa da que é a súa nova Cidade Deportiva.

O atacante danés mostrouse "contento por vir aquí. Os compañeiros son bos. Adestrei esta mañá e estou contento".

Conta que a súa fichaxe polo Dépor "foi moi rápida. Cando chegou a oferta, tiña que ver que era o mellor para min futbolísticamente. Creo que o Dépor ten bo equipo, con bos xogadores. Por iso quixen vir aquí".

Asegura chegar fisicamente "ben. Adestrei todo o ano co Sevilla e xoguei bastante na primeira parte da temporada. Estou ben".

De loitar por Europa ou por títulos, o novo internacional deportivista pasa a pelexar pola permanencia: "É diferente pero o obxectivo é o mesmo, gañar partidos e sumar puntos. Estou aquí para axudar, quero xogar. Primeiro hai que traballar co grupo nos adestramentos e despois oxalá poida xogar".

Preguntado polo seu pasado céltico, Krohn-Dehli resolve a cuestión: "Agora son do Dépor e vou axudar ao máximo aquí".

Cre que pode axudar ao grupo "con experiencia e bo traballo. Gústame xogar ao fútbol, gústame adestrar, gústame ser parte do equipo. Quero sempre o máximo para o meu equipo".

Admite que non é un futbolista defensivo, "pero en Vigo tamén xoguei de pivote con Luís Enrique. Podo xogar en moitos sitios".

Após charlar con Cristóbal Parralo, o novo centrocampista branquiazul di xa "saber o que el quere. Veño aquí para traballar. Quero gañar partidos co Dépor".

Confesa que o técnico deportivista, á súa vez, transmitiulle que "teño que xogar como o futbolista que son, axudar ao equipo coa pelota".

A pesar dos malos resultados que vén cultivando o equipo nas últimas semanas, o futbolista danés asegura que no vestiario "o ambiente está ben. Vexo aos compañeiros contentos. O Dépor leva partidos moi duros pero temos que mirar cara a adiante, e ir partido a partido".

Nesta liña, di no seu primeiro día coas cores deportivistas, que "vin a un equipo que quere traballar e traballa moi ben".