RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Volven os DéporCampus Cabreiroá en xuño, xullo e con novas sedes

Un ano máis regresa a principal actividade social do Real Club Deportivo a través da súa Fundación, os Dépor Campus Cabreiroá, nos que participan miles de nenas e nenos de boa parte de Galicia e para os que hoxe se abriu o prazo de inscrición. Após unha edición anterior marcada pola pandemia, regresan ás súas datas orixinais nos meses de xuño e xullo.

A gran novidade deste ano é que, ademais de reactivar sedes canceladas o ano pasado pola pandemia, súmanse novos espazos para gozar desta actividade organizada polo Dépor. Arteixo e Cee únense a Abegondo, Bertamiráns, Boiro, Caranza, Cuntis, Monforte, Ourense, Terras de Maside, Viveiro e Zas.

Como cada ano, as instalacións con máis semanas de actividade serán as da Cidade Deportiva de Abegondo, que acollerá o DéporCampus Cabreiroá en seis quendas, un por semana, entre o 28 de xuño e o 6 de agosto. Para esta sede central ademais, os participantes poden acollerse a tarifas reducidas se se inscriben antes do próximo 15 de xuño.

Tamén poden acollerse a descontos as nenas e nenos que participasen en edicións anteriores dos DéporCampus Cabreiroá e das Escolas RC Deportivo, ademais dos que gozan Socios ou Accionistas do RC Deportivo, xogadores do Club, familias numerosas ou con máis dun membro en paro e familias que inscriban a máis dun fillo.

As sedes que en 2020 puidéronse celebrar fixérono baixo estritas medidas de control sanitario de hixiene e seguridade para evitar contaxios por COVID-19, medidas que se manteñen nesta edición para todas as sedes e todas as quendas. Por iso, as prazas son limitadas en cada unha das actividades, polo que se recomenda adiantar todo o posible a inscrición para evitar quedar fóra dos DéporCampus Cabreiroá de verán 2021.

Toda a información sobre cada sede, cada quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto, que tamén se pode establecer a través de deporcampus@rcdeportivo.es e no 981259500.