RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Escola RC Deportivo puxo o peche aos adestramentos nas súas diferentes sedes

A Escola RC Deportivo botou o peche ao curso 2020-21 esta semana nas súas cinco sedes: A Coruña, Bertamiráns, Boiro, Caranza e Cee-Luis Calvo.

O luns 21 de xuño finalizaron as súas clases os alumnos e alumnas de Boiro e Cee, o martes 22 concluíu o curso en Bertamiráns, o mércores 23 fíxoo en Caranza e, finalmente, onte venres 25 púxose o broche final na Coruña, despois de que as quendas anteriores despedíranse o luns e o mércores.

Cada participante recibiu o seu boletín de avaliación final elaborado polos técnicos da canteira do RC Deportivo. Un boletín que non só avalía os fundamentos futbolísticos se non que tamén contabiliza os valores Dépor, como son o compañeirismo, o respecto polo material ou o adestrador, a disciplina, o traballo en equipo ou o esforzo.

Ademais, a cada alumno e alumna entregóuselle o seu diploma como recordo da súa participación nesta actividade lúdica e formativa organizada pola Fundación RC Deportivo.

Este ano, a Escola RC Deportivo abriu catro novas sedes, en Caranza, Boiro, Bertamiráns e Cee, que se sumaron á sede central nas instalacións de PadelPlus, en Alvedro. Nun ano con dificultades pola situación sanitaria, bateuse a marca de participación con máis de 170 nenos e nenas que puideron gozar do Dépor e do sentimento deportivista grazas á aplicación dun estrito protocolo COVID que permitiu que non xurdise un só contratempo.

A próxima temporada comezará en outubro se a situación sanitaria permanece estable. Os meses previos abrirase un período de preinscrición para todos aqueles alumnos e alumnas que participasen anteriormente na Escola RC Deportivo e posteriormente abriranse as inscricións ao público.

Os interesados poden consultar toda a información nesta ligazón. Para calquera dúbida coa súa inscrición así como consulta acerca da actividade poden contactar directamente coa organización en escola@rcdeportivo.es.

A Fundación RC Deportivo quere agradecer ás familias, aos colaboradores PadelPlus, EFM Boiro, Club Galicia de Caranza, Bertamiráns FC, EF Luis Calvo e o UC Cee, aos técnicos e a todos os participantes o seu traballo e compromiso neste ano que garantiu que a actividade sexa un gran éxito.