RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adri Castro reincorpórase nunha sesión de alta intensidade para os que non actuaron onte de inicio en Copa

O Deportivo adestrou esta mañá na Cidade Deportiva nunha sesión que foi de máis intensidade para os que non foron titulares onte en ABANCA-RIAZOR ante o Alavés, en choque correspondente á segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei.

A novidade neste grupo de xogadores foi a reincorporación do fabrilista Adri Castro, que cumpriu a pertinente corentena e deu negativo no test PCR previo á súa volta. Xunto ao dianteiro fabrilista saltaron ao terreo de xogo un total de 11 futbolistas, ademais do meta fabrilista Alberto.

Entre eles estiveron Borja Galán e Derik. Os dous, con Borja Granero, realizaron unha parte co grupo e unha segunda metade do adestramento específica co readaptador, Fran Molano.

Para os que saltaron ao céspede, Fernando Vázquez dispuxo un quecemento con rondos; un circuíto e varias tarefas con finalizacións; e fútbol en espazo reducido para concluír.

Finalmente, os que onte actuaron de inicio ante o Alavés realizaron exercicios de recuperación no ximnasio e na padiola dos fisioterapeutas.

Miku e Uche, os dous con problemas físicos, están estes días con adestramento específico.

Mañá venres, o cadro está citado de novo ás 11:00 en Abegondo.