RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Ainhoa Marín asegura que o ambiente en ABANCA-RIAZOR o domingo vai ser clave para nós

Ainhoa Marín pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo ao acabar a sesión de traballo do Dépor ABANCA.

Pensa que o ambiente en ABANCA-RIAZOR este domingo 21 de abril ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) ante o Cacereño Femenino "vai ser clave para nós. Sempre #ANOSAFORZA é a que tirou de nós cando os resultados non ían ou o xogo non ía. De feito en Bilbao contra o Athletic hai un grupo de mozas que nos animan e que van a por todas. Ves aí á xente na bancada e dis, 'jolín case 7 horas de bus. Hai que dalo todo'. Non hai outra. Imaxínate en ABANCA-RIAZOR, con toda esa xente que quere pasar un día connosco, quérenos ver e que sobre todo nos quere animar. Oxalá haxa un bo partido, que o gocemos todos e que poida haber máis partidos en ABANCA-RIAZOR".

A atacante branquiazul admite que "estamos ilusionadas. A semana meréceo. Dentro de todo, nunha semana que é un pouco máis extraordinaria, sorpréndeme que a estamos levando cunha certa naturalidade dentro de todo o que cabe".

Asegura que "estamos bastante centradas no que vai poder ser e sobre todo en que queremos gañar e estamos moi centradas niso. Gústame ver iso no equipo e faime estar máis tranquila".

A goleadora deportivista móstrase "convencida do cadro" e lanza unha mensaxe de "imos gozar do partido, imos ir a gañar".

Nesta liña, subliña que "temos moi claro o que temos que pensar realmente. De feito non paramos de lembralo entre nós: estar centradas, sobre todo no adestramento. Irene tamén nolo lembra, as capitás, entre nós. Temos un pasado no que non se puido e queremos facer as cousas ben esta vez. Queremos ir no presente, hoxe no noso adestramento, mañá no día de descanso que sexa de descanso, e estamos nesa liña".

A nivel persoal, confesa que "non teño nervios. Non sei o día do partido. Igual ese momento vai ser un pouco máis diferente, pero sinceramente estou moi tranquila. Vin unha rolda de prensa e preguntáronlle a Luis Enrique sobre a ansiedade, de se el estaba nervioso ou se tiña medo ou esa ansiedade por xogar o partido. E foi escoitalo e dicir: é verdade, ás veces preocupámonos demasiado nun partido, no que pode ser, no que non vai ser. Hai xente que ten que dar diñeiro se cadra para ir á súa casa e poder comer. E eu o único que me vou a ter que preocupar vai ser de poder facer xogadas na banda e de que o equipo gañe. Estou moi tranquila".

Vaticina o domingo un partido "como o pasado, porque queiras ou non é un partido importante. Erros vai haber, son consciente diso e non pasa nada. Hai que naturalizalo tamén. Hai que pensar que o que queremos é gañar, ir a por iso, que non nos poidan os nervios. Saber que pode haber erros e que non pasa nada, que imos a por todas até o final".

Así mesmo, cre que o Cacereño Femenino "vainos a presionar bastante, vainos a pechar moito por dentro e a ver como conseguimos solucionar iso. Teño moitas ganas do partido".

Finalmente, desvela que "para min é un orgullo xogar en ABANCA-RIAZOR. É como que me dá un empuxón a min persoalmente. É diante de moita xente, nun estadio histórico e xa eses alicientes fanme dar un pouquiño máis de min. O Club dános esa oportunidade e a miña maneira única de poder compensarlle iso é facendo o que mellor sei. Tanto as miñas compañeiras como eu pensamos un pouco nesa liña".