RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Cobo, Álvaro Queijeiro e Borja Galán continuarán no Fabril

Tres alicerces do Fabril que logrou o ascenso a Segunda B tras seis campañas en Terceira División, o porteiro Álex Cobo, o centrocampista Álvaro Queijeiro e o dianteiro Borja Galán, continuarán un ano máis no segundo equipo branquiazul.

O coruñés Queijeiro, que debutou co primeiro equipo durante a pretemporada 2014-2015, foi o autor do gol que rubricou o regreso á categoría de bronce o pasado 28 de maio. Queijeiro, que chegou ao RC Deportivo en categoría alevín, disputou a pasada temporada 34 partidos (33 como titular), nos que anotou 2 goles. Ademais, xa sabe o que é xogar en Segunda División B, pois o fixo co Pontevedra (22 partidos, 1 gol), equipo no que xogou cedido no curso 2015-2016.

O tanto que abriu o camiño do ascenso anotouno Borja Galán, tamén asiduo nas aliñacións fabrilistas. Disputou 36 partidos, 35 deles de inicio, nos que anotou 9 goles.

O gardameta Álex Cobo tamén tivo unha gran importancia na fantástica campaña do filial deportivista. Xogou 29 partidos, todos como titular, nos que unicamente encaixou 18 goles.

A día de hoxe, a Fabril conta para iniciar a pretemporada, o próximo 11 de xullo ás 10:00 horas na Cidade Deportiva de Abegondo, cos seguintes xogadores: Álex Cobo, Francis, Blas, Quique Fornos, Lucas, Carlos López, Edu Expósito, Queijeiro, Óscar Pinchi, Borja Galán e Jardel. Tamén realizarán a pretemporada co segundo equipo os xuvenís Chema, Ricardo Benjamim, Mujaid, Kanouté, Adri, Iago Novo e Aarón.