RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANOSACANTEIRA vaise de merecidas vacacións após culminar un ano histórico

O momento no que Mario Domínguez, capitán do RC Deportivo, levantaba ao ceo de Marbella o pasado domingo 27 de xuño a Copa de Campións xuvenil que coroaba ao conxunto branquiazul como o mellor equipo de España supuxo o culmen, o selo a unha temporada histórica en #ANOSACANTEIRA. Foi o premio por centos e centos de horas de traballo e dedicación de futbolistas, técnicos, delegados, utileros, médicos, fisioterapeutas, scouts, persoal de limpeza, lavandaría, seguridade, condutores, departamento de comunicación, xardineiros, persoal administrativo...

Atrás quedan 11 meses desde que a pretemporada fose arrancando progresivamente para todos os equipos en xullo de 2020 nunhas condicións complicadas debido á pandemia de COVID-19: sen noticias do inicio das competicións; case sen partidos de preparación nin torneos amigables; con sucesivos adiamentos do arranque das ligas; coa prohibición de utilizar os vestiarios; cos futbolistas utilizando as bancadas da Cidade Deportiva, ao aire libre, nos duros meses de inverno; con confinamentos ás veces até de todo o equipo; con algún que outro positivo por COVID-19; con probas de antíxenos cada semana; coas máscaras nos partidos... Pero por riba de todo coa ilusión de defender o escudo cada vez que se saltaba a un campo de xogo.

Toca descansar, recuperar forzas, divertirse ¿por que non? nos DéporCampus Cabreiroá programados por toda Galicia, e volver á Cidade Deportiva nunhas poucas semanas con máis ilusión se cabe de vestir a camiseta branquiazul.

A temporada que concluíu onte cos partidos dos benxamíns correspondentes ao Mini Trofeo Teresa Herrera quedará xa para a historia do Club.

Houbo fabrilistas con presenza no primeiro equipo (Adri Castro, Gandoy, Valín, Barba, Iván Guerrero e Mujaid); canteirás na Primera Iberdrola (Eva Dios, María Figueroa, Sara Álvarez, Carlota, Patri López, Tati e Marta Rico); xuvenís co primeiro equipo e o Fabril (Juan Rodríguez, Brais, Dani Barcia, Guille Bueno, Padín, Jairo, Iván e Yeremay); cadetes nos xuvenís (Mella...).

Tampouco hai que esquecerse dos internacionais nas categorías inferiores da selección española: Mella (sub-16), Paula Novo (sub-17) ou Eva Dios (sub-19).

E por suposto lembrar con agarimo as alegrías, as moitas alegrías no campo:

Xuvenil A: campión do grupo 1º da División de Honra e campión da Copa de Campións

Xuvenil B: campión da Liga Nacional

Cadete A: campión da División de Honra

Cadete B: campión da Liga Galega, subgrupo A

Infantil A: subcampión da Liga Galega

Infantil B: campión da Primeira Autonómica A Coruña (grupo A)

Alevín: campión da Primeira Autonómica A Coruña de fútbol once

Alevín A: campión da Primeira Autonómica A Coruña e As Mariñas - Arteixo de fútbol oito

Fabril FC Alevín: subcampión da Primeira Autonómica A Coruña de fútbol oito

Benxamín A: campión da Primeira Autonómica A Coruña e As Mariñas - Arteixo de fútbol oito

Fabril FC Benxamín: terceiro clasificado da Primeira Autonómica A Coruña de fútbol oito