RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: O Fabril xoga mañá o seu partido ligueiro número 2.000

O Fabril xoga mañá domingo 7 de xaneiro (12:00 horas) na Cidade Deportiva de Abegondo contra o Fuenlabrada o seu encontro número 2.000 en liga desde que é filial do RC Deportivo.

Nacido en 1914 como Fabril FC, e posteriormente chamado Fabril SD, converteuse en filial do RC Deportivo en 1964, cando cambiou a súa denominación a Fabril Deportivo após fusionarse co moribundo CD Juvenil. A temporada anterior, a 1963-1964, por convenio xa adoptara o equipamento branquiazul do RC Deportivo, co que xa mantiña unha estreita relación, do mesmo xeito que o Juvenil (anteriormente coñecido como Fábrica de Armas) desde finais dos anos 40.

Desde que o 13 de setembro de 1964 empatase en Monforte fronte ao Lemos (2-2), na 1ª xornada do grupo 1º da Terceira División 1964-1965, o filial deportivista disputou 1.999 encontros de liga. Estes divídense en 361 en Segunda División B, 1.410 en Terceira División e 228 en Rexional (Preferente ou Primeira), correspondentes ás 54 temporadas (incluída a presente) transcorridas desde a fusión: 10 en Segunda B, 38 en Terceira e 6 nas diferentes Rexionais.

O autor do primeiro gol foi Beci, que anotou o momentáneo 0-1 fronte ao Lemos naquel primeiro partido. A primeira vitoria non chegaría até o terceiro partido, fronte ao Gran Peña en Vigo (1-2), o sábado 26 de setembro de 1964, grazas aos tantos de, novamente, Beci, e o local Santiago, en propia porta.

Ao longo destas temporadas, o xogador que máis encontros ligueiros disputou é o central César Fernández, que xogou 207 (entre 1991 e 1998), por diante de Braulio (203, entre 1990 e 1996) e Juan Carlos Vilariño (198, de 1992 a 1999). Os máximos goleadores son Arturo Patiño (1987-1992) e Braulio, con 75 dianas cada un, seguidos de Carlos García Becerra (1996-2000 e 2002-2003) e Julio Seijas (1966-1970), tamén igualados con 54 goles.

Hai que sinalar que todas estas estatísticas non inclúen os partidos correspondentes ás diferentes fases de ascenso (17 en total, 13 a Segunda B, 3 a Segunda A e 1 a Terceira) e á Copa do Rei, que o filial deportivista disputou en 7 ocasións, competicións nas que suma 97 encontros máis.

Este é o balance ligueiro do Fabril desde 1964:

Categoría Temp. X G E P GF GC Ptos.
Segunda División B 10 361 133 104 124 442 431 493
Terceira División 38 1.410 642 379 389 2.227 1.531 1.943
Rexional (Preferente / 1ª) 6 228 128 44 56 439 219 300
TOTAL 54 1.999 903 527 569 3.108 2.181 2.736