Juan Antonio Anquela manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que, dos 45 minutos ante o CD Tenerife o pasado mércores en Pontevedra, queda con que "soubemos reaccionar e soubemos corrixir uns defectiños que estabamos a cometer. En liñas xerais estou bastante contento, sobre todo do traballo diario".
Insiste en que en Segunda División "hai que competir. Téñoo moi claro. O que non corra non ten opcións. Aquí se somos bos, témolo que demostrar. O outro o podemos facer todo o mundo: correr, traballar, estar ben colocados. É o que temos que facer sen escusas se queremos competir en Segunda División. Co escudo non se gaña, téñoo clarísimo. Hai que adaptarse á categoría e ser un equipo".
Explica que no seu manual "o primeiro de todo é xogar ben ao fútbol. Intento sempre xogar e quero xogar. Logo poderemos ou non se poderá. Xogar ben ao fútbol é ter un equilibrio. Encántame o fútbol bonito. Pero ¿podo xogar a ese fútbol? Tentarémolo. Xogar ben ao fútbol empeza desde atrás. Tes que ter defensas que a saiban xogar, que non se poñan nerviosos. Se estamos capacitados para facer unha cousa, facela. Se non, iremos por outro camiño".
Por este motivo, "sempre me adaptei. O que quero ter no campo son os mellores. Teño que concienciar aos meus futbolistas que temos que ir todos polo mesmo camiño. Todos temos a imaxe de equipos que collen a pelota e fan 'pin, pin, pin' ¿Pódese ou non se pode? Se se pode farémolo e se non se pode tentaremos ir por outro camiño. Chegar ao mesmo fin que é gañar, pero chégase de distintas formas. Sen xogar ben é moi difícil gañar".
O técnico deportivista apunta que os fabrilistas "están a moi bo nivel. Encantadísimo. Aquí necesítase fame, ambición e querer conseguir uns obxectivos que son moi difíciles. E conséguense a base de ser un bo equipo de fútbol". "Cada vez que saíron os rapaces non desentonaron. É máis, vexo moito, moito nivel. Pero as responsabilidades hai que ir dándollas aos poucos. Non teño ningún problema en poñer a un rapaz se vén pedindo paso. E se me demostra cada día que está en condicións de xogar. Pero aquí hai xente que ten que dar un paso adiante, e estou convencido que o vai dar", engade.
Preguntado pola posible saída de Pedro Mosquera, que se consumou minutos despois de finalizada a rolda de prensa, subliñou que "me limito a ver cuantos teño para adestrar esta tarde. O fútbol de hoxe está así montado. Temos que adaptarnos ou che leva por diante".
É consciente que actualmente, "o fútbol e o tema económico van xuntos. Hai que cadrar unhas contas. Hai xente que che está controlando e paréceme moi ben porque se non isto iríase de nai".
Advirte o adestrador branquiazul que "imos ir a unha guerra moi grande. Gustaríame saber canto antes quen son os meus soldados para ir a esa guerra. Pero isto funciona así e non lle imos dar nin unha volta máis. Non vou poñer escusas. Toca así e así se lida. Nada máis".
Finalmente espera mañá sábado 3 de agosto ante a SD Ponferradina en Vilalba (19:00 horas) que "vaiamos evolucionando. Malamente sería. Cada partido é un mundo, unha historia". "Estou a cambiar cousas que fixen outros anos. Outros anos sempre repartía minutos e se estades a ver os últimos días, estamos a dar máis minutos. Interésanos saber por onde imos empezar", aclara.