RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

As caras novas do Dépor sobordan ilusión

Os até agora nove fichaxes do Deportivo 2021-22 tiveron esta mañá a súa primeira toma de contacto cos seus compañeiros, técnicos e empregados do Club.

Puideron coñecer ademais ABANCA-RIAZOR, algúns deles por primeira vez, e compareceron brevemente ante os medios de comunicación, pendentes dunha presentación oficial que se realizará nos próximos días.

Pablo Trigueros Estrada (Herreruela de Oropesa, Toledo, 4 de marzo de 1993) decantouse polo Dépor porque "cría que era unha proposta interesante. Coñezo ao adestrador dunha etapa anterior con el. Transmitiume a súa confianza. Veño achegar o meu graniño de area para conseguir o obxectivo que queremos todos os xogadores e #ANOSAFORZA, que é o ascenso".

Rafael de Vicente Hernández (Málaga, 18 de xullo de 1993) admite que "non hai outro obxectivo" que non sexa o ascenso. "Todos esperamos gozar moito, tentar estar o máis arriba posible canto antes e hai un obxectivo claro que é o ascenso. Gozar, ilusión e a gañar todos os partidos posibles", engade.

Josep Calavera Espinach (Cabra do Camp, Tarragona, 2 de outubro de 1999) insiste en que "temos todo o mundo claro o obxectivo. Temos que traballar moito porque vai ser moi complicado pero todos xuntos e a unha imos formar un gran equipo".

Alberto Quiles Piosa (Huelva, 27 de abril de 1995) desvelou que ao acabar a temporada no seu anterior Club, o Recreativo de Huelva, "o meu axente díxome que había unha opción de vir ao Deportivo. E eu dixen que non buscase máis nada que quería xogar aquí. É un Club histórico e quería xogar aquí, sentir a #ANOSAFORZA, sentir ABANCA-RIAZOR e estou súper feliz de estar aquí". Así mesmo, advirte que a categoría, esta Primera RFEF, "vai ser moi complicada. Dá igual que sexamos o Dépor, a priori o equipo favorito. Imos ter que pelexar, loitar, correr máis que calquera equipo para poder gañar".

Diego Aguirre Parra (Toledo, 17 de outubro de 1990) cre que estamos ante "unha temporada moi ilusionante. Veño con moitas ganas de poder axudar a este gran Club e a esta gran cidade. Pode ser un ano bonito pero hai que traballar desde a humildade, desde o traballo, coa ilusión de poder conseguir grandes cousas".

William de Camargo (São José do Rio Preto, Brasil, 27 de febreiro de 1999) manifestou que "ten moita importancia" que estea ao mando do equipo Borja Jiménez: "Xa coincidín con el no FC Cartagena e moi ben". Do mesmo xeito que o resto dos seus novos compañeiros, subliñou que "o obxectivo principal é o ascenso. Estamos aquí para iso e oxalá o podamos conseguir".

Juan Carlos Menudo Domínguez (Sevilla, 18 de xuño de 1991) lembra que anteriormente "estiven en equipos que tiñan o obxectivo de tentar ascender. Este é o reto que todo futbolista quere, nun Club que é moi importante a nivel nacional. Hai que tentar sumar para que este equipo volva ao sitio que lle corresponde".

Ian Mackay Abad (A Coruña, 14 de xullo de 1986) apelou á palabra ilusión para definir o seu estado de ánimo no seu regreso a ABANCA-RIAZOR: "É lóxico para un rapaz que é da Coruña, que se criou en #ANOSACANTEIRA, que ten a posibilidade de vestir a camiseta do primeiro equipo e de tentar axudar a volver canto antes ao fútbol profesional. É un orgullo para calquera neno que lle guste o fútbol e que sexa do Dépor".

Finalmente Adrián Lapeña Ruiz (Logroño, 16 de abril de 1996) opina que o Dépor "é un Club que se chámache non podes dicir que non. O proxecto que ten é moi bo, moi ambicioso. Vimos pelexar por subir. Teño a experiencia de vivir un ascenso e é algo moi bonito. Debemos poñer ao Club onde se merece".