RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bo partido do Dépor ABANCA para seguir invicto en Abegondo (3-0)

Nunha mañá de sol radiante regresaba o fútbol a Abegondo co reto para o Dépor ABANCA de manterse invicto como local na terceira xornada en casa. Carlota Sánchez no interior esquerdo foi a novidade do once de Miguel Llorente con respecto ao partido da pasada semana en Navarra. Após uns primeiros instantes de tenteo entre os equipos, aos poucos a balanza e o dominio do balón foise inclinando cara ás Nosas que con tímidas ocasións completaron o primeiro cuarto de hora de partido.

No minuto 14, Ainhoa, moi activa polo seu costado, forzou nunha xogada persoal o segundo saque de esquina consecutivo. Ao lanzamento do mesmo, o balón estrelouse na man dunha das xogadoras zaragozanas, que defendía a xogada con todo o equipo na área. María Ruiz, que botara o córner, executou tamén o penalti para adiantar ao Dépor ABANCA.

Coa vantaxe no marcador o Dépor ABANCA seguiu buscando a portería rival. Un lanzamento seco desde a frontal de Jone Ibáñez que atrapa ben Elena Casao tirándose abaixo foi unha das oportunidades destacadas, como o gran detalle de calidade no caneo de Ainhoa Marín que deixou o balón aos pés de Laura que rematou alto coa destra desde a frontal. Outra boa ocasión foi para Raquel García, que se anticipou á defensa visitante ao saque dun córner pero non puido dirixir a súa cabezada entre o tres paus.

O xogadón individual do partido protagonizouno Carlota por banda esquerda, zafándose do tres defensas que saíron ao seu paso e atopándose encima o corpo da porteira visitante para evitar o gol. Un segundo penalti claro, por un pisotón sobre a liña lateral a Cris, transformouno Ainhoa Marín igual que o fixo María Ruiz, lanzando á esquerda coa gardameta tirándose á dereita.

O Zaragoza só inquietou no últimos cinco minutos do primeiro tempo. Anelle Leitner en dúas ocasións consecutivas, primeiro de remate de cabeza ao saque dunha falta e despois soa diante de Ana Valles. En ambos os casos a porteira deportivista solucionou con solvencia con mans e pés. Elena Valej tamén puido anotar, pero o seu remate marchouse lixeiramente desviado no tramo final do primeiro tempo no que as mañas se envorcaron sobre a área branquiazul.

A última antes do descanso foi para Ainhoa Marín que nunha boa xogada para chegar á área non foi capaz de orientar o seu disparo.

Após a continuación o xogo ofensivo do Dépor diminuíu, pero non o control total do partido. Un tiro de Laura que saíu mordido ao pegar na defensa e atrapou sen problemas a gardameta foi a primeira das chegadas. Un centro de María Ruiz e remate de volea de Cris que se marchou alto tamén levantou os aplausos en Abegondo. A capitá branquiazul salvara minutos antes nun gran cruzamento dentro da área a oportunidade de remate que tiñan as visitantes. Tampouco acertou coa portería La Spitler cun disparo raso desde a frontal após aproveitar un erro na saída de balón deportivista.

O gol de xogada chegou precisamente nunha gran xogada e transición de ataque esquerda dereita do Dépor ABANCA. O balón acabou chegando un par de metros por diante da frontal a Aroa Guerra que atopou o oco polo recanto da portería visitante.

A partir de aí, máis aló da petición de gol pantasma de Francesca Soro á saída dun córner, o partido foise diluíndo sen que as ocasións fixesen temer por un cambio de algarismos nun marcador que en ningún momento perigou aínda que tivo que inaugurarse con dous penaltis que permitiron reflectir no resultado o que o público de Abegondo gozou sobre o campo.

Dépor ABANCA: Ana Valles, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Goretti Neira (Patri López, min. 46), Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez, Ainhoa Marín (Adule, min. 81), María Ruiz (Ale Serrano, min. 81), Carlota Sánchez (Eva Dios, min. 68) e Laura Fernández (Aroa Guerra, min. 60).

Zaragoza CFF: Elena Casao, Irene Rodríguez, Marta Valero (La Spitler, min. 57), Lauren Curtin, Teresa Rei, Cara Curtin (Judith Sainz, min. 71), Annelle Leitner, Sara Pérez (Haley Berg, min. 57), Lucía Fortes (Racheal Nachula, min. 57), Andrea Álvarez (Francesca Soro, min. 71) e Elena Valej.

Goles: 1-0 María Ruiz -p- (min. 15); 2-0 Ainhoa Marín -p- (min.35); Aroa Guerra (min. 67)

Árbitro: Oreiro Hermida (c. galego). Amoestou a Paula Gutiérrez (min. 38). Expulsou a Víctor Búrdalo, técnico visitante, con vermella directa.

Incidencias: Partido da 5ª xornada de Reto Iberdrola, primeiro encontro con aforamento completo habilitado na Cidade Deportiva de Abegondo.