RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Atopámonos un grupo con moita fame, con moitas ganas de defender o escudo"

Borja Jiménez compareceu este mediodía en rolda de prensa en Abegondo para valorar os primeiros días de pretemporada do Deportivo.

O adestrador branquiazul mostrouse "contento. A xente está con moitas ganas, con moita ilusión. Vexo a moita xente con ganas de estar aquí, con ese compromiso que adquiriron para que esta temporada sexa moi positiva para todos. Aos poucos imos sumando adestramentos e que vaia todo na mesma liña". Insiste en que "nos atopamos un grupo con moita fame, con moitas ganas de defender o escudo e de facer as cousas ben aquí".

Admite que se incorporou "un número de xogadores importante. Aínda nos quedan dous, tres, catro cosas moi importantes para nós, sobre todo en zona de ataque. Aínda nos queda por facer. Estamos a esperar mercado porque non hai moito mercado de xogadores atacantes que poidan ser diferenciais".

Pide "paciencia" no tema das saídas e "ir facendo cousas e poder chegar a acordos que sexan beneficiosos para o Club"; xa que "o Dépor pode ter máis présa; os xogadores ningunha por saír. Pasa en todos os lados". 

Advirte que hai "moito xogador novo que vai necesitar un período de adaptación. Na xornada 1 non vai ser o Deportivo que queremos na xornada 14".

Preguntado por Keko, Borja Jiménez apunta que a súa continuidade sería "moi importante. Vai ser difícil porque é un xogador que pode manexar ofertas de categorías superiores. Ten contrato e oxalá. Queremos xogadores que queiran estar aquí, Keko ten un compromiso moi grande desde o primeiro momento. Ten unha actitude moi positiva cara a el, co grupo. Estou encantado. Se Keko non continúa temos que buscar un xogador do mesmo talento no mercado e aí temos que facer esforzos, iso está claro". "Canto máis tempo pase máis posibilidades temos que continúe", conclúe. 

Desvela que sopesa durante a liga "xogar con tres xogadores en última liña. Ter catro centrais é algo que temos planificado. Se hai algunha saída nesa demarcación eu sería partidario de tentar substituíla. É unha posición moi específica onde pode haber lesións, sancións porque é a última liña. Tivemos a posibilidade de asinar xogadores polivalentes, que poden actuar en diferentes perfís. Estou moi contento con todo o que asinamos atrás".

Finalmente, en canto ao primeiro partido de liga, en ABANCA-RIAZOR ante o RC Celta B, Borja Jiménez afirma que "lle dou moita normalidade ás cousas. Será o primeiro partido de liga, será especial porque vai ser o meu primeiro partido de liga en ABANCA-RIAZOR. Pero nada máis. É cuestión de normalizar a situación, sabendo que é a xornada 1 de 38. Imos saír a gañar desde o primeiro momento, pero ao Celta B ou a calquera rival. É o primeiro rival como podía ser calquera outro".