RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle sostén que "este ano prevalece por encima de todo a humildade, o grupo"

Borja Valle, após reaparecer o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Elche CF, ademais marcando un gol, confirmou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a lesión que sufriu nun pé en Tenerife "está esquecida. Estou centrado en axudar ao equipo".

O dianteiro berciano afirmou que "facía moito tempo que non se vía un Deportivo cunha identidade fixa, con ambición, con fame. E o maior círculo que rodea todo iso é a humildade, o grupo. Este ano prevalece por encima de todo. As cousas que están a vir son só positivas".

Insiste en que este verán "houbo un cambio moi grande. Xogadores cada un dun sitio. Un adestrador novo cun plan de xogo moi diferente. Todo ía tardar en collerse. Cambiou un sistema, os xogadores, o grupo, a identidade. Ao final o míster veu cun sistema de xogo que no momento en que o collemos sentimos a gusto. É todo positivo. Vén cunha idea que nos transmitiu desde o primeiro día, collela e seguir o rol que el nos marca".

Nesta liña, o ariete branquiazul recalca que "todos no deportivismo ansiabamos que o Deportivo fose ben, que a xente desde fóra vise que hai un grupo, que as decisións se toman pensando no ben do Club. Todo o mundo desexabamos iso. Que é certo que pasou agora en Segunda División, pois hai que aceptalo".

Celebra ademais xogar agora con 2 puntas arriba: "Dáche moitas cousas, tes moita presenza en área. Ao final un Deportivo que sempre quere levar o peso do partido, o inicio de xogo, que sabe que vai ter o balón, canta máis xente estea arriba, na área, moito mellor".

A pesar de visitar este sábado 20 de outubro (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) ao Córdoba CF, pechacancelas da categoría, Borja vaticina un partido "complicado. Nós xogamos coas nosas virtudes e eles tamén. É certo que a situación deles é complicada, delicada. Por iso debemos ter máis atención. Están a xogarse a vida, saír aí abaixo. No seu estadio van ter o apoio da xente".

Di non estar preocupado por entrar xa en postos de ascenso directo e si estar centrado "no que facemos nós, en acabar con boas sensacións, en levar a cabo o plan de xogo, en ter unha identidade, en seguir como un grupo, en pensar todos a un. É a maior virtude deste Deportivo".